Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Alcalde amosa a sua oposición ao anuncio da supresión do Consulado de España en Valença

21/08/2012

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, ten dirixido unha carta ao Ministro de Asuntos Exteriores do Goberno de España para expresarlle a súa oposición ao anuncio, recollido en diversos medios de comunicación, sobre a intención de supresión do consulado de España en Valença ao abeiro de medidas de aforro neste departamento ministerial.

 

O rexedor tudense sinala nesta misiva que entendendo as razóns de aforro que nestes momentos de crise deben rexer as decisións das diversas administracións públicas: Estimo que a supresión deste Consulado tería nefastas consecuencias na cohesión desta rexión transfronteiriza que conforman Galicia e o Norte de Portugal. Como ben coñecerá, esta fronteira entre Tui e Valença é a que posúe tradicionalmente unha maior circulación de persoas entre España e Portugal, existindo numerosos españois que residen en Portugal e viceversa aos que resulta sumamente útil a existencia deste servizo consular pois presta unha insustituible axuda nas múltiples xestións que necesitan.

 

Desde esta zona transfronteiriza estamos a traballar con intensidade en promover a cohesión e cooperación entre os nosos territorios e administracións: a comunidade de traballo Galicia Norte de Portugal ou a recente constitución dunha eurocidade entre Tui e Valença testemuñan este traballo. O apoio que supón a existencia dese consulado favorece este proceso de cohesión europeo no que sentimos implicados. As reducidas dimensións deste consulado non supoñen un gasto que impida a súa continuidade mantendo este importante servizo aos cidadáns españois.

 

Neste mesmo sentido Moisés Rodríguez tamén lle enviou unha carta ao presidente da Xunta reclamando o seu apoio e xestións neste asunto e incluso o rexedor tudense presentará no vindeiro Pleno da Corporación Municipal unha proposta para reclamar a non supresión deste consulado en Valença que leva máis dun século de existencia.