Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

No Concello de Tui foron aceptadas xa 79 demandas de arbitraxe sobre preferentes

3/10/2012

Dende inicios de agosto ata hoxe arredor de 350 consultas sobre o tema da comercialización de participacións preferentes emitidas por diversas entidades bancarias foron atendidas no Concello de Tui, tanto polos técnicos do Instituto Galego de Consumo como polo persoal da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC). Cómpre reseñar que máis do 90% aceptaron a vía da arbitraxe que impulsa o Instituto Galego de Consumo, dependente da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia. Esta arbitraxe de consumo, que continúa aberta e ten a mesma firmeza que unha sentenza xudicial, é dunha vía áxil e gratuíta, posta en marcha pola Xunta de Galicia como a ferramenta que ten na súa man para que os aforradores podan recobrar os seus cartos.

 

Neste momento hai 79 demandas de arbitraxe interpostas por veciños de Tui que xa foron admitidas polas correspondentes entidades bancarias e delas 31 familias xa recuperaron os seus aforros tras someterse ao laudo de obrigatorio cumprimento no que desemboca a arbitraxe de consumo como froito do traballo realizado a través do IGC.

 

Para o Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, esta é unha excelente noticia pois evidencia o importante traballo desenvolvido dende o Instituto Galego de Consumo, coa colaboración do Concello tudense, na procura dunha solución axeitada para os afectados pola mala praxis na comercialización destes productos financeiros e que gracias a este procedemento da arbitraxe, que non ten custes para os afectados, permite reintegrar o diñeiro depositado por aquelas persoas que adquiriron participacións preferentes con información deficiente ou debido a unha mala comercialización. Deste xeito o Concello de Tui testemuña o seu alongado compromiso a prol dos afectados por estas participacións, en liña co acordo do Pleno da Corporación do pasado mes de marzo.

 

O Instituto Galego de Consumo aconsella que o interesado en acceder á arbitraxe acuda á oficina do Instituto Galego de Consumo ou a Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), onde se lles explicarán as vantaxes desta vía, que ata a data se perfila como unha opción eficaz para solventar o problema.