Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Convocado o concurso para a elección do cartel anunciador das Festas de San Telmo 2023

7/02/2023

Establécese un único premio dotado con 700 euros. Os traballos poden presentarse até o 28 de febreiro ás 14:00 h

O Concello de Tui abre a convocatoria do concurso para a elección do cartel anunciador das Festas de San Telmo 2023, no que poden participar artistas plásticos, creadores e creadoras ou calquera persoa que estea interesada. Establécese un único premio de 700 euros e diploma.  

Para participar débense presentar un máximo de tres obras, orixinais e inéditas, nas que deben figurar “Festas de San Telmo. Tui, 8 – 17 de abril de 2023. Festas declaradas de interese turístico galego”, así coma a marca corporativa do Concello de Tui.

O xurado terá en conta na súa valoración que “o cartel identifique na súa expresión gráfica á cidade e ás festas de San Telmo”, reflectindo os valores que se expresan para as Festas de San Telmo, centrados principalmente na devoción ao patrón, a participación e a tradición popular, a tradición secular, a accesibilidade universal á festa e á cultura, a igualdade e a proxección exterior da cidade.

Así, nas bases do concurso, recóllese que “estes tres obxectivos plasmaranse na composición dos traballos, reflectindo un espírito festivo con marcada orientación publicitaria e artística e de promoción, tanto das festas anunciadas como da propia cidade de Tui”.

O carteis, cun tamaño de 50 x 70 centímetros, poderán realizarse en técnica e cores libres, pero deberase ter en conta que a impresión do gañador realizarase en cuatricromía.  O cartel presentarase baixo lema no Rexistro da casa do concello ou na Biblioteca Pública Municipal.

Achegarase en formato dixital, xunto coa documentación requirida, e en formato impreso, sobre un bastidor ríxido de cartón pluma sen molduras ou cristal. Con todos os carteis presentados a concurso, e que cumpran o establecido nas bases do mesmo, realizarase unha exposición.

As bases completas deste concurso pódense consultar na web municipal tui.gal.

 Bases reguladoras do concurso do cartel anunciado das Festas de San Telmo 2023

 Certificado de aprobación das Bases do concurso do cartel anunciador das Festas de San Telmo en Xunta de Goberno