Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Caravana de Galicia Calidade chega este martes a Tui promocionando o consumo de produtos galegos

24/09/2012

A iniciativa inclúe exhibicións e obradoiros de cociña, así como actividades para os máis pequenos e información sobre as empresas asociadas a este selo de garantía

 

A sede móbil da campaña posta en marcha pola Consellería de Economía e Industria para promocionar o consumo de produtos galegos coa marca Galicia Calidade percorrerá esta semana o sur da provincia de Pontevedra, chegando a Tui logo de percorrer un total de 35 localidades galegas nos meses de agosto e setembro co obxectivo de chegar a máis de 35.000 persoas.

 

Con esta iniciativa achégase información de primeira man sobre a marca Galicia Calidade, así como a súa aposta pola innovación e a internacionalización das empresas da comunidade e os produtos e servizos asociados. A campaña conta con distintas iniciativas, como obradoiros de cociña con produtos de Galicia Calidade, todos os días ás 12:30, ás 17:30 e ás 19 horas, que se poden seguir tanto desde o interior do vehículo, equipado cunha cociña, como a través das pantallas habilitadas no exterior. Os produtos cociñados repártense entre o público, ao que tamén se lle ofrecen recetarios. Ademais, tamén inclúe reparto de obsequios, folletos promocionais e sorteos, e un castelo inchable para os nenos e nenas.

 

A marca Galicia Calidade outorga un importante valor engadido ás marcas e servizos asociados, e está recoñecida como sinónimo de confianza, prestixio e calidade. De feito, os programas de auditorías e ensaios de Galicia Calidade garanten que os produtos e servizos amparados superaron os controis esixidos, para o que é preciso que conten coas materias primas da máis alta calidade, óptimas producións e excelentes servizos.

 

No caso de Tui esta caravana de Galicia calidade estará instalada no céntrico Paseo da Corredoira da nosa cidade.