Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Ata o venres está abera a exposición "Queremos coñecernos"

12/12/2007

ATA O VENRES ESTÁ ABERTA A EXPOSICIÓN “QUEREMOS COÑECERNOS” SOBRE A APORTACIÒN DAS MULLERES Á HISTORIA DE GALICIA  

O espazo “Anexo” da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle ata o vindeiro sábado 15 de decembro a exposición “Queremos coñecernos”, promovida pola Secretaría Xeral para a Igualdade da Vicepresidencia da Xunta de Galicia e que ten chegado a Tui grazas á iniciativa do Colexio Rural Agrupado e a colaboración das Concellerías de Cultura e Educación do Concello de Tui.

 A exposición que remata en Tui o seu percorrido por toda Galicia amosa a vida a e traxectoria de destacadas mulleres galegas. Escritoras, actrices, pensadoras, pintoras, sindicalistas, xogadoras de balonmán, exiliadas, empresarias, monxas, mestras, violinistas, xornalistas, oleiras, raíñas, parteiras, armadoras, … Máis que unha lista de oficios son algunhas das profesións que exerceron as mulleres galegas. Son as vidas de mulleres que, en moitos casos, descoñecemos ou que simplemente a historia esqueceu recoller, con esta exposición recóllese a memoria dun feixe destas mulleres senlleiras de Galicia. “Para modificar o xénero da nosa memoria, sinala na presentación da exposición Carme Adán (Secretaria Xeral para a Igualdade), cómpre que proxectemos a imaxe rica e plural do noso pasado vivido en feminino, comezando o traballo colectivo de poñer nomes e imaxes a algunhas daquelas que nos precederon e visibilizar as súas obras e legados”. Na mesma presentación a profesora e escritora Aurora Marco sinala que “cómpre facer un labor de recuperación das galegas, como pagamento desa débeda simbólica que temos coas que nos precederon, deitando luz sobre o seu pasado, visibilizando as súas achegas no mundo do traballo, no mundo cultural, político e económico; é preciso desvelar o seu legado, rescatar a herdanza cultural que foron quen de crear nos pasados séculos, devolverlles o lugar que debían ter ocupado e que un pasado, inzado de prexuízos, lles negou. E cómpre, tamén, afirmar e reivindicar un recoñecemento social para encher as moitas páxinas en Branco desa Historia do feminino. Porque queremos coñecelas, porque queremos coñecernos”, de aí o nome desta exposición “Queremos coñecernos”.