Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Ata o 14 de novembro está aberto o prazo para o II Concurso fotográfico "Relación home muller 100% positivo"

6/11/2009

II CONCURSO FOTOGRÁFICO "RELACIÓN HOME MULLER 100% POSITIVO" DA CONCELLERÍA DE CULTURA DE TUI

 

Os interesados aínda teñen tempo de enviar as súas fotografías xa que o prazo de presentación dos traballos permanecerá aberto ata o vindeiro día 14 de novembro

 

Xoves, 5 de novembro de 2009. A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Tui segue e recibir fotografías para participar no II Concurso fotográfico conmemorativo do Día Internacional contra a violencia de xénero. O concurso mantén este ano, coma na anterior edición, a temática deste certame: "Relación Home Muller 100% positivo". Para a concelleira Patricia Ricón este tema "Relación Home/Muller 100% positivo", quere facer fincapé na relación entre a muller e o home, resaltando dunha forma positiva a relación de parella, amizade, convivencia no traballo...é dicir, en todos os ámbitos da vida. "Con este concurso, -engade a concelleira-, queremos resaltar que aínda que, desgraciadamente, existan vítimas de violencia de xénero, afortunadamente, a maioría de relacións entre homes e mulleres son relacións non violentas".  Con esta campaña quérese fomentar este tipo de relacións e que se acabe entre todos coa violencia machista.

 

Logo da positiva acollida desta iniciativa o pasado ano, convócase esta nova edición con dúas categorías: para menores de 16 anos e maiores desa idade, que poderán presentar ata 3 fotografías antes do 14 de novembro nas dependencias do Concello de Tui. Coas obras presentadas organizarase unha exposición pública. Os premios son de 350 euros para o gañador da categoría de maiores e tamén haberá un premio especial para os menores de 16 anos de idade consistente nun agasallo por valor de 100 euros.

 

Cada participante poderá enviar un máximo de 3 obras. Aceptaranse obras con retoque fotográfico sempre que non se trate de fotomontaxes. As fotografías poderán ser en color ou en branco e negro e deben cumprir as seguintes características: presentarse en papel, cun tamaño mínimo de 20cmx15cm e un tamaño máximo de A3. Os interesados poden acceder ó resto das bases do concurso na páxina web do Concello de Tui (http://www.concellotui.org)