A visita “Evolución urbana de Tui: do burgo altomedieval á cidade de Fernando II” pecha o ciclo “Coñece o noso patrimonio
Será o próximo martes, 20 de agosto, a cargo de Suso Vila, doutor en Historia da Arte
"Evolución urbana de Tui: do burgo altomedieval á cidade de Fernando II" é o título da visita a cargo de Suso Vila, doutor en Historia da Arte pola USC, que pechará o próximo martes, 20 de agosto o ciclo “Coñece o noso patrimonio” que este verán permitiu o achegamento ao patrimonio tudense.
Nesta visita, que se iniciará ás 20 h diante da Oficina Municipal de Turismo, no Paseo da Corredoira, as persoas asistentes realizarán un percorrido por diversos lugares do conxunto histórico de Tui para rescatar do descoñecemento un período histórico, os séculos XI e XII, no que se conforma configuración da cidade e que mantén unha pegada no noso patrimonio.
Suso Vila é un recoñecido historiador tudense cunha alongada traxectoria na investigación sobre a nosa cidade. Ten publicados numerosos libros e artigos sobre a historia tudense e especialmente no que atinxe á presenza xudía na cidade fronteiriza.
Este ciclo está organizado polo Instituto de Estudios Tudense coa colaboración da concellería de Turismo e Patrimonio do Concello de Tui. A responsable desta área, Ana María Núñez Álvarez, salienta o importante éxito destas visitas guiadas que teñen superado as previsións mais optimistas, testemuñando o interese de tudenses e visitantes polo coñecemento do legado patrimonial da nosa cidade.