Verán tudense para catro nenos e nenas saharauís
Hoxe foron recibidos na casa do concello xunto ás súas familias acolledoras
Este mediodía tivo lugar na casa do concello de Tui a recepción a Yusef, Yiusef, Ahmed e Yahida e as súas familias de acollida. Son os catro nenos e nenas saharauís que están a pasar o verán en Tui dentro do programa “Vacacións en Paz”.
A alcaldesa en funcións, Ana Núñez, xunto ao concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, xunto a outros concelleiros e concelleira da corporación municipal, deron a benvida a esta estes cativos e cativas e as súas familias tudenses agradecendo a súa solidariedade neste verán. Dúas das familias repiten experiencia e outras dúas será a primeira vez que acollan a un cativo.
Ana Núñez destacou a importancia deste programa así coma o positivo que resulta a experiencia tanto para os nenos e nenas como para as familias de acollida xa que resulta moi enriquecedor e supón amais un intercambio cultural moi importante, salientando como se establece un vínculo entre as familias de acollida e as propias familias saharauís coas que adoitan a manter o contacto ao longo do ano despois destes meses de convivencia no verán. A alcaldesa en funcións, Ana Núñez, amosa amais a súa satisfacción polo incremento de familias que se ten rexistrado nos últimos anos pasado dunha ou dúas a catro xa neste ano, polo que lles amosou o seu agradecemento.
Yusef, Yiusef, Ahmed e Yahida este verán están gozando con actividades coma ir á praia, ao río, visitando a cidade de Tui así coma moitos outros municipios da contorna.
O programa “Vacacións en paz” que realiza a asociación de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí dende hai décadas ofrece a nenos e nenas a oportunidade de pasar unhas vacacións en paz, afastados das difíciles condicións dos campamentos de refuxiados no Sáhara Occidental. Ademais, facilita o acceso a revisións médicas e mellora a súa calidade de vida durante a súa estadía en Galicia.