Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui vivirá na rúa o paso de La Vuelta

26/08/2024

A caravana publicitaria repartirá 3 mil agasallos na Corredoira. Os ciclistas pasarán por Tui a partir das 15.30 h

Tui prepárase para vivir mañá martes, 27 de agosto, na rúa o paso da décima etapa de La Vuelta. Afeccionados ao mundo do ciclismo e público en xeral poderán vivir a pé de rúa o paso da volta ciclista a España polo municipio.

Tras saír dende Ponteareas La Vuelta chegará a Tui dende Salvaterra entrando por Caldelas, Paramos, Baldráns e Guillarei para continuar polo centro urbano pola Avenida da Concordia, Calvo Sotelo, Augusto González Besada e Martínez Padín, para proseguir pola estrada da Guarda cara Areas e Tebra, en Tomiño, Oia e rematar en Baiona.

Debido ao paso deste importante evento para facilitar o seu desenvolvemento e por seguridade mañá martes dende ás 8 h  non se poderá estacionar na Avenida da Concordia, Calvo Sotelo, Augusto González Besada e Martínez Padín. 

Tui contará coa presenza da caravana publicitaria, cos coches dos distintos equipo, patrocinadores e colaboradores, que entre as 13.30 h e ás 14 h no Paseo da Corredoira repartirán máis de 3 mil agasallos, produtos de merchandising, …como preámbulo deste evento deportivo.  O tráfico por estas rúas do centro urbano pecharase partir das 14.30 h cando comezará amais o pase da caravana automobilística cos vehículos dos distintos equipos, organización, seguridade… E será unha hora despois, entre 15.38 e 15.50 h o horario previsto do pase da carreira en función da velocidade que se estea a rexistrar.

O concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, convida a saír mañá a rúa e vivir en directo o paso deste espectáculo deportivo. Agradécese a colaboración cidadá respectando as indicacións de estacionamento prohibido e tráfico cortado para facilitar o paso deste evento. Destaca o concelleiro de Deportes a repercusión positiva que ten o paso de La Vuelta por Tui, por unha banda porque algúns equipos farán noite na cidade, e pola promoción turística que se logrará grazas á retransmisión televisiva do evento, onde de seguro o río Miño, a Catedral, o conxunto histórico e o centro urbano serán obxectivo das cámaras, así coma toda a contorna do municipio.