Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui reivindicou a súa capitalidade do Camiño Portugués con música, danza, historia e andaina

28/07/2025

Preto de 200 persoas asistiron ás actividades desenvolvidas a pasada semana

Tui reivindicou o seu papel coma capital do Camiño Portugués do que é a porta de entrada a Galicia con música, danza, historia e unha andaina.

As actividades realizadas a pasada semana puxeron en valor a importancia que o Camiño ten e tivo na cidade. Así o programa abriuse coa conferencia do historiador Rafael Sánchez Sánchez Bargiela sobre a peregrinación de Isabel de Aragón, viúva do rei de Portugal Don Dinis, e coñecida coma a Raíña Santa, da que se cumpren 700 anos. Esta peregrinación, unha das que máis sona tivo ao longo dos séculos, reflicte precisamente a importancia histórica desta vía xacobea.  Tamén se puxo en en valor o patrimonio a pé do Camiño, coma son as igrexas de San Domingos e de San Bartolomeu, que acolleron tres dos actos celebrados.

Precisamente o xoves á noite houbo cheo na igrexa de San Bartolomeu no concerto que ofreceron Germán Díaz e  Benxamín Otero no que a zanfona, vinculada estreitamente ao Camiño, foi a gran protagonista.  Mentres o son de elementos naturais, mesturouse coa música e coa danza  no espectáculo “Camiños que parten” que a Compañía de Furia Sotelo puxo en escena o venres na igrexa de San Domingos.

Tamén o venres unha véntena de persoas fixeron o percorrido do tramo do Camiño Portugués entre a rúa Olímpicos Tudenses e a Capela de Nosa Señora do Camiño, coñecendo parte da historia deste trazado e o patrimonio que no mesmo se sitúa de novo da man de Rafael Sánchez Bargiela.