Tui recupera por San Valentín a campaña “Tui é un amor. Namórate de Tui”
A cidade amosará o seu lado máis romántico do 7 ao 14 de febreiro, Sortearanse 10 vales de compra de 30€
O Concello de Tui recupera con motivo de San Valentín a campaña “Tui é un amor. Namórate de Tui” que se puxo en marcha no ano 2020 con dobre obxectivo. Por unha banda a dinamización comercial da cidade pero tamén a súa promoción turística.
A campaña baséase en dúas accións centrais. Por unha banda está a decoración das rúas con pezas vinculadas co tema do amor coma as palabras “Amor”, “Love”, ou “Tui” e co banco do amor e pérgola do amor, que se estrearan hai dous anos. Amais nesta ocasión engádese un sorteo de 10 vales de compra por valor de 30€ cada vale, para premiar as compras no comercio local participantes. Así a través das asociacións locais ACITUI e EMPRETUI, entrégase cartelería e as rifas a todos os establecementos que expresamente soliciten participar na campaña. Así, entre o 7 e o 14 de febreiro, os clientes dos locais participantes que consuman 10€ no comercio e 5€ na hostalería recibirán a súa rifa para entrar no sorteo que se realizará o venres, 25 de febreiro, ás 12 h na Radio Municipal de Tui. Para recibir o premio deberán presentar o tícket de compra correspondente. Os vales de compra poderán consumirse nos establecementos participantes que se poderán consultar na web www.tui.gal o martes 15 de febreiro.
A concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, sinala que “Tui é un amor. Namórate de Tui” ten por obxectivo “incentivar as compras no comercio local, así por unha banda convida aos visitantes a vir coñecer Tui e a namorarse de todo o que esta cidade lle ofrece, e doutra banda lanza unha mensaxe directa á cidadanía do importante que é coidar o noso e demostrarlle a Tui que a queremos”. Lembra Ana Núñez “ao comerciante o importante de esforzarse por namorar e enfeitizar aos seus clientes cos seus produtos, atención e servizos”..
Dende o Concello de Tui agradécese a colaboración nesta campaña das dúas asociacións de comerciantes de Tui, ACITUI e EMPRETUI.