Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui prepárase para celebrar a máxica noite de San Xoán cunha programación repleta de actividades

21/06/2024

Recollida de herbas de San Xoán, sardiñadas e outras propostas gastronómicas e as tradicionais cacharelas centran as propostas organizadas por asociacións culturais e veciñais

Tui prepárase para celebrar a máxica noite de San Xoán cunha programación repleta de actividades na que non faltará a recollida de herbas de San Xoán, propostas gastronómicas nas que non faltarán as sardiñadas, as tradicionais cacharelas e concertos.

Son un total de oito puntos ao longo do municipio onde terán lugar as celebracións organizadas por asociacións culturais e veciñais co apoio do Concello de Tui. 

Areas, Caldelas, Guillarei, Frinxo en Pazos de Reis, Paramos, Rebordáns, Ribadelouro e o propio centro urbano acollerán as celebracións previstas que nalgúns casos comezarán mañá sábado e noutros centraranse no domingo.

Mañá sábado, ás 20 h comezará no Centro Cultural Laxes de Paramos a festa con sardiñas con pan de millo e chouripán a prezos populares, baixo a organización da Asociación Cultural Laxes. Tamén mañá sábado, pero ás 22 h, será a cita en Rebordáns, no antigo campo de fútbol do Mián, con sardiñada de balde, tamén haberá bocadillos e non faltará a música nun evento que organiza Amigos da Festa de Rebordáns.

En Areas celebrarán o San Xoán mañá sábado a partir das 22 h no Centro Cultural Seixo Albos con sardiñada, actuación do grupo  de gaitas Seixos Albos, e non faltará a fogueira.

En Caldelas a Asociación Cultural A Insua comezará a celebración do San Xoán cunha observación de estrelas no campo de fútbol do Foxo mañá sábado, ás 22 h, da man de AstroVigo. O domingo ás 19 h, a carón deste campo de fútbol, sairán a recoller as herbas de San Xoán, para dar paso á cita gastronómica con sardiñas e cu, e na que non faltará a queimada. A música correrá a cargo do grupo Azabache e a media noite acenderan a tradicional fogueira.

O domingo pola mañá comezará xa con propostas gastronómicas a cita en Ribadelouro con polbo, churrasco, porco ao espeto e sardiñada. A comisión de Festas de Santa María Magdalena organiza este acto que contará coa actuación do trío Luces de Bohemia. Non faltará a fogueira á medianoite.  

Tamén en Frinxo, en Pazos de Reis, a veciñanza terá este domingo o seu tradicional festexo de San Xoán  no que non faltará a cacharela.

En Guillarei a celebración comezará o domingo ás 18 h no torreiro da festa das Dores con sardiñada, pan de millo e viño, chouripan e queimada. Contará amais coa actuación de Aqua Dj. O evento está organizado pola Asociación Cultural Lembranzas da Terra.

Por último no centro urbano é o Club Náutico San Telmo quen organiza unha Noite Máxica coa colaboración da Asociación Cultural San Roque e San Bartolomeu. Non faltarán as tradicionais sardiñas asadas xunto a outros pratos populares. O grupo Take it Easy amenizarán a festa.  

Deste xeito Tui vivirá unha fin de semana chea de maxia e tradición polo San Xoán.