Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui participa en Zamora no XIII Congreso Internacional Sefardí

27/06/2024

Porá en valor a figura de Francisco Sánchez

Tui participará cun relatorio no XII Congreso Internacional Sefardí que se celebrará en Zamora do 1 ao 3 de xullo. Está organizado polo Centro Campantón, unha asociación fundada en 2013 co obxectivo de estudar, preservar e comunicar o legado xudeu da cidade e a provincia de Zamora.

A temática elixida para a XII edición do Congreso será Os sefardíes hoxe, aspirando a ofrecer unha visión ampla da presenza dos xudeus de tradición hispano-portuguesa na actualidade. Nesta nova edición do Congreso Internacional Sefardí participan estudosos e investigadores de España e Portugal.

Na sesión do próximo  martes, 2 de xullo, Laureano Alonso Álvarez, profesor de latín do IES “San Paio” e Rafael Sánchez Bargiela, historiador e técnico do Concello de Tui, levarán a cabo o relatorio “O médico e filósofo Francisco Sánchez, aproximación biográfica”. Este acto servirá para presentar a tradución  ao galego da principal obra de Francisco Sánchez, o libro “Quod nihil scitur” realizada por Laureano Alonso, e editada no pasado ano polo Concello de Tui co gallo dos actos do IV centenario da norte do médico e filósofo tudense.

Un segundo obxectivo da conferencia é a divulgación da figura de Francisco Sánchez, filósofo e médico do Renacemento de orixe xudeu converso nado en Tui en 1550, e un dos grandes filósofos da historia que adiantou o método científico, a dúbida permanente e a anatomía hai 500 anos. Igualmente, a conferencia mostrará o rico patrimonio xudeu de Tui, do que forman parte destacada a colección de sambenitos inquisitoriais expostos no Museo Diocesano e únicos en Europa.

Para a concelleira de Turismo e Patrimonio do Concello de Tui, Ana María Núñez Álvarez, esta presencia tudense neste Congreso Internacional Sefardí contribuirá positivamente á divulgación da egrexia figura de Francisco Sánchez, que segue inxustamente descoñecido, así como do relevante patrimonio xudeu e criptoxudeu que atesoura a cidade de Tui.