Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui e Valença únense no “2 Marxens Rock”

8/07/2010

Actuarán catro grupos das dúas beiras do Miño

Tui e Valença únense no “2 Marxens Rock”

Celébrase mañá venres na antiga alfándega valenciana e o sábado na tudense Praza de San Fernando

Xoves, 8 de xullo de 2010. Hoxe tivo lugar a primeira rolda de prensa conxunta entre o Concello de Tui e a Cámara Municipal de Valença co obxectivo de presentar un evento promovido polos dous municipios: o “2 Marxens Rock”.

Trátase dun festival rock que mañá venres e o sábado se vai celebrar nas dúas cidades con grupos tanto tudenses coma valencianos. Mañá venres a cita será ás 23h na antiga alfándega de Valença do Miño cos grupos Run Zhora Run de Tui e Rit&Cencias de Valença. O sábado o concerto terá lugar ás 23h na Praza de San Fernando a cargo de Copy Cat de Valença e The Cillit Band de Tui.

A presentación desta mañá correu a cargo  do Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, o Presidente da Cámara de Valença, Jorge Mendes, así coma o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, e o Vareador de Cultura de Valença, José Temporão Monte, xunto a un representante de cada un dos grupos que vai actuar neste festival.

Concello de Tui 

O Concelleiro de Cultura de Tui aludiu na súa intervención ao camiño de colaboración iniciado con Valença e que se materializou anteriormente na primeira Cabalgata de Reis Internacional ou na celebración de actos conxuntos co gallo do Día da Muller. Considerou Moisés Rodríguez que este é o camiño acertado porque os dous municipios teñen unha forza que hai que saber aproveitar.  Anunciaba tamén que continuarán esta liña de traballo conxunto que están a realizar.

Pola súa banda o Vareador de Cultura de Valença apuntaba que sempre foi a intención do seu municipio implementar e crear actividades cos grupos e bandas locais, sinalando que este evento, o 2 Marxens Rock, sirve para promover e divulgar o traballo destes grupos musicais. Desexou José Temporão Montes que esta primeira edición sexa o inicio dun festival que poida ter carácter nacional. Ao tempo amosaba a súa disposición a seguir colaborando con Tui noutras iniciativas.

Nesa mesma liña pronunciouse o Presidente da Cámara de Valença que puxo de relevo o establecemento dunha maior cooperación con Tui, indicando que o río separa pero que tamén “nos ten unido por diversos motivos”. Aludiu o programa “Valença, cidade activa” establecido para este verán no que presenta un programa de actividades para todas as idades no que os grupos locais teñen protagonismo destacado.

O Alcalde de Tui manifestou na súa intervención que este festival brinda aos grupos das dúas beiras a posibilidade de coñecerse, ao tempo que lles ofrece unha posibilidade para a súa promoción. Sinalaba amais o seu desexo de que o 2 Marxens Rock sexa o punto de partida dunha serie de intercambios que teñan continuidade incluso cos grupos das asociacións culturais das parroquias tudenses e das freguesía valencianas.

Os representantes dos grupos Cillit Band, Copy Cat, Rit&Cencias, e Run Zhora Run agradeceron ao Concello de Tui e á Cámara de Valença ter contado con eles para esta iniciativa, da que se congratularon, xa que entenden que é un apoio para estas bandas. Agardan que o 2 Marxens Rock poida ser unha rampla de lanzamento para eles para ter maior visibilidade e proxección, ao tempo que amosaron a súa ilusión co festival que se celebra venres e sábado.

Asunto: “2 Marxens Rock”

Data:

  • Venres ás 23h
    • Na ex alfándega de Valença
    • Run Zhora Run de Tui + Rit&Cencias de Valença
  • Sábado ás 23h
    • Na Praza de San Fernando
    • Copy Cat de Valença + The Cillit Band de Tui

Nota: Máis información sobre os grupos en:

Rit&Cencias
http://www.youtube.com/watch?v=Fd8dai-1Hik
http://www.myspace.com/ritcencias

Copycat
http://www.myspace.com/copycatpt,
http://www.youtube.com/watch?v=OaCA6b8HocE

The Cillit Band
http://www.myspace.com/thecillitband

http://www.youtube.com/watch?v=pKyNHmUx6ao