Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui consolídase coma referente cultural no mes de xullo cunha ampla e diversa programación

9/08/2024

Miles persoas gozaron ao longo do mes dos eventos realizados protagonizados pola música

Tui consolidouse o no mes de xullo coma un dos referentes culturais da zona grazas á ampla e diversa programación desenvolvida ao longo do mes que reuniu a miles de persoas. O público aplaudiu este programación “Tui, verán na rúa” celebrada en distintos escenarios coma a praza de San Fernando, o Paseo Fluvial, o Parque do Laxal, o torreiro de festas de Guillarei, o Paseo da Corredoira, a Igrexa de San Domingos ou o Teatro Municipal de Tui.

A música foi a gran protagonista desta programación que comezou co Guilla Folk organizado pola Asociación Cultural Lembranzas da Terra no torreiro de festas de Guillarei.  O folclore local co grupo Lembranzas da Terra e o canario representado polo grupo de baile Erasmo Hernández de Gran Canaria abriu esta cita o venres 5 de xullo. Ao día seguinte as bandas de gaitas tudenses, Lembranzas da Terra de Guillarei e A Insua de Caldelas, actuaron no IX Festival de Bandas, nunha noite chea de ritmo na que se contou amais con Donicelas e Storrentos en concerto.

O pórtico da Catedral foi o escenario, o sábado 13, do IX Certame de Gaita e Tamboril que promove a Asociación Cultural San Telmo. Este ano o gañador foi o grupo Meigas Fritas formado por Manuel Ramón Seoane Sánchez e Miguel Pardo de Castro, foi segundo o grupo Revirado de Rafael Carracedo Crespo e Daniel Camaño, e terceiro Conxunto Sisto de Manuel Sisto Blanco e Eduardo Andrés Sisto Mellid. O público presente na praza de San Fernando puido amais coñecer as singularidades do traxe tradicional de distintos puntos da Galicia dende Pedrafita á Fonsagrada na Mostra Conferencia do Traxe Galego que ofreceu o grupo etnográfico Traxandaina. E para pechar a noite Ardentía repasou en concerto os grandes éxitos da súa carreira.  Ao día seguinte o paseo da Corredoira foi o escenario onde once grupos de Tui, Gondomar, Redondela, Vigo e Marín fixeron gala do seu facer  e bailaron conxuntamente aos ritmos de muiñeiras e xotas.

O IKFEM festival, que dirixe Andrea González, marcou a actividade cultural do 17 ao 21 de xullo na Eurocidade Tui-Valença con miles de persoas gozando dos distintos concertos celebrados, nos que en moitos deles  se colgou o cartel de completo. En Tui a Igrexa de San Domingos acolleu o concerto do Trío Preseli e María Hinojosa, que entre outras interpretou obras de António Victorino D’Almeida e Fernando Buide, contando coa presenza dos dous compositores no evento. Tamén neste templo actuou o Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia e Adrián Regueiro cunha homenaxe musical a Luis de Camoes e o Apostol Santiago a través de pezas renacentistas, barrocas e contemporáneas. Mentres o público encheu o Teatro Municipal para gozar do virtuosismo dos pianistas Chano Domínguez e Mário Laginha. As cortinas de San Francisco en Valença foron o escenario dos concertos de Salvador Sobral e Marco Mezquida e da estrea da Orquestra da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal xunto a Jorge Palma. Un ano máis a vella Ponte Internacional transformouse nunha ponte peonil ao abeiro do IKFEM enchéndose este ano de música, creatividade e gastronomía na xornada dominical.

Amais o Paseo Fluvial converteuse nunha gran sala de cinema ao aire libre coas proxeccións de “O pequeno Nicolás” e “A viaxe de Ernest e Celestine” os venres 12 e 26 de xullo, que tiveron tamén unha gran acollida por parte do público familiar nun entorno natural único ás beiras do Miño.

A programación “Tui, verán na rúa” pechouse no Parque do Laxal, en Rebordáns, coa Noite Internacional do Miño que dende hai máis de dúas décadas ofrece unha mostra do folclore dos cinco continentes, este ano en concreto de Europa e América que ateigou este espazo para gozar dos bailes e cantos de Italia, Bornia Herzegovina, Uruguai, Chile e Galicia nun evento organizado pola Escola de Baile e Música San Fins.  

Deste xeito tanto a cidadanía tudense coma os visitantes gozaron desta ampla e variada programación que continúa ao longo deste mes de agosto con novas propostas pola todos os públicos.