Tui conmemora o aniversario dos Xogos Florais de Galicia con poesía e unha homenaxe á escritora Francisca Herrera
Será o mércores 25 co espectáculo Cintaadhesiva e o xoves 26 de xuño cunha homenaxe á primeira muller en publicar unha novela en lingua galega e pertencer á RAG
O Concello de Tui promove, un ano máis, a conmemoración do aniversario dos Xogos Florais de Galicia, primeiro acto público celebrado integramente en lingua galega na etapa contemporánea, que tiveron lugar no Teatro Principal tudense entre o 24 e o 26 de xuño de 1891.
Os actos programados polo Concello de Tui para a celebración do CXXXIV aniversario destes Xogos Florais abranguen dúas actividades a desenvolver no mércores 25 e no xoves 26 deste mes xuño.
Na primeira xornada o Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela acollerá un espectáculo de poesía e música a cargo do grupo “Cintaadhesiva” cos poemas de Silvia Penas e a música de Jesús Andrés Tejada.
Disciplinas como poesía, música, videoarte e artes escénicas se remendan as unhas ás outras nun espectáculo pensado para o directo, para a acción. Ten como base os ámbitos literario e musical, xa que se trata do proxecto orixinal da poeta Silvia Penas e o músico Jesús Andrés Tejada. Unha parte importante do conxunto son textos poéticos integrados na música (non acompañados pola música).
Mentres o xoves 26 de xuño renderase unha homenaxe á escritora galega Francisca Herrera Garrido (A Coruña, 1869-1950), a primeira muller en publicar unha novela en lingua galega e tamén a primeira muller en pertencer á Real Academia Galega dende 1945.
Na casa da familia Areal na rúa Pracer, no cerne do conxunto histórico de Tui, pasou Francisca Herrera longas tempadas visitando á súa irmá María, casada con Pedro Areal, xeneral de Cabalería e fillo do avogado e político tudense Esteban Areal. Agora o seu sobriño neto, José Leoncio Areal, ten editado a obra en galego de Francisca Herrera, un traballo realizado pola catedrática emérita da Universidade de Vigo, Camiño Noia.
Esta homenaxe a Francisca Herrerá terá lugar na praza do Pracer tudense e contará coa presentación do libro “Obra en galego de Francisca Herrera” a cargo da profesora Camiño Noia e o editor José Leoncio Areal, que estarán acompañados pola música de alumnado do Conservatorio Municipal de Música de Tui. Seguidamente procederase ao descubrimento dunha placa conmemorativa que lembrará a presenza de Francisca Herrera na casa da familia Areal na rúa do Placer.
Xogos Florais de Galicia, Tui 1891
Estes actos rememoran a celebración na nosa cidade do 24 ao 26 de xuño de 1891 dos Xogos Florais de Galicia, primeiro acto público realizado integramente na nosa lingua, e que organizados pola Asemblea Rexionalista Galega, premiaban composicións en galego e castelán de diversos xéneros, como no caso tudense, a poesía.
O primeiro presidente da institución, Manuel Murguía, converteríase aquel día no primeiro intelectual en dirixirse ao público en galego, lendo un discurso que constitúe un compendio do seu pensamento historicista e reivindicador, sinalando que o principal obxectivo era "o renacemento dunha nacionalidade case morta e esquecida por medio da literatura, das tradicións e da historia".
Na cidade de Tui unha Xunta Rexionalista, integrada por Manuel Fernández de Herva, como presidente, xunto a Eduardo Caballero Canals, o cóengo Antonino Cerviño González, Juan Areses Alonso, o tamén cóengo Manuel Lago González, Juan Álvarez Cardero, Indalecio Rodríguez de Córdoba, Justo Salvador Fortes, Leoncio Comesaña González, Vicente García Rivera e Martín Díaz Spuch, organizaron, como representantes do Consistorio dos Xogos, un amplo programa que supuxo incluso o traslado das festas patronais de San Telmo.
Do amplo programa desenvolvido salienta o propio acto dos Xogos, xunto a un concurso de gaiteiros, un banquete "rexionalista" ou a función solemne de San Telmo na Catedral tudense coa actuación da orquestra catedralicia dirixida polo mestre Manuel Martínez Posse. Destacan no programa destes Xogos ás intervencións de Manuel Murguía, Salvador Cabeza de León ou Alfredo Brañas pero tamén as achegas tudenses: o discurso de Manuel Lago, como voceiro da Xunta Rexionalista de Tui, no acto celebrado no Teatro Principal e titulado “Gabanza da lingua galega” así como o chamado “sermón rexionalista” pronunciado polo cóengo tudense Antonino Cerviño na catedral de Tui.