Tui conmemora o 25N baixo o lema “O noso corpo, campo de batalla”
Ao mediodía celebrarase un acto coa comunidade escolar e pola tarde coa cidadanía
O Concello de Tui realizará mañá martes, 25 de novembro, dous actos para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, baixo o lema “O noso corpo, campo de batalla”. Cos mesmos fará unha chamada á reflexión colectiva sobre as violencias que atravesan a vida das mulleres e á responsabilidade compartida de combatelas.
A programación deste ano aposta pola creación artística, a expresión performativa e a participación da comunidade escolar e da cidadanía.
O primeiro dos actos terá lugar ás 12 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela coa participación da comunidade escolar.
Abrirá o acto a acción artística “Poñéndonos nos seus zapatos” do CEIP Nº1 de Tui. Unha intervención simbólica que invita a ocupar, de maneira metafórica, o lugar das vítimas, fomentando a empatía e a conciencia social. A continuación Mery Pais presentará a acción performativa colaborativa “Voces pola igualdade” que busca promover a reflexión e conciencia crítica sobre as distintas formas de violencia cara ás mulleres a través da arte e a expresión visual. Contarase tamén coa participación de Silvia Penas coa acción escénica “Cortar, refogar, afogar”. É unha peza poético-performativa con intervención sonora e percusión en directo que achega unha reflexión arredor do corpo feminino como espazo de conflito, centrándose no cabelo. Para rematar darase lectura aos manifestos elaborados polos centros educativos.
Xa ás 18.30 h na praza do Concello celebrarase o acto coa cidadanía combinando novamente a expresión artística, a memoria e a palabra. Constance Hurlé presentará a acción performativa “Miña Pequena” na que a través da poesía e a danza explora as conexións entre memoria, corpo, e violencia. Logo terá lugar a lectura do manifesto institucional deste 25N por parte de Jennifer Stegemann Barreiro, garda civil destinada no Equipo VioXen da Primeira Compañía da Garda Civil de Tui, simbolizando o compromiso das institucións na loita contra a violencia de xénero.
Pecharase o acto coa actuación musical da cantautora galega Sofía Espiñeira, Premio Martín Códax da Música 2022, que está a presentar o seu segundo traballo “Xeografías” no que realiza un canto ás paisaxes que nos percorren e das que somos parte.
O Concello de Tui reafirma, un ano máis, o seu compromiso coa defensa dos dereitos das mulleres e coa loita contra todas as formas de violencia machista, sumando forzas na construción dunha sociedade libre de violencia e desigualdade.





