Tui clausura o Programa Integrado de Emprego cunha inserción laboral do 70%
Un centenar de persoas participaron dende xaneiro nesta iniciativa
O 70% do centenar de persoas participantes no Programa Integrado de Emprego clausurado esta semana en Tui incorporáronse ao mercado laboral. O éxito desta acción, na que case de duplicou o obxectivo marcado inicialmente foi posto de relevo no acto de clausura no que participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Formación e Emprego, Ana Núñez, e o xefe territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualade, José Antonio Rodríguez, entre outros.
Neste acto o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro reafirmou o compromiso do Concello de Tui coa posta en marcha de instrumentos e mecanismos de empregabilidade convencido da súa “necesidade e utilidade”. Lembrou os tres Programas Integrados de Empregos desenvolvidos nos últimos anos, e os tres Obradoiros de Emprego, aos que este mesmo mes se sumará un cuarto, e agradecía á Xunta de Galicia que cofinanciado tantos instrumentos de empregabilidade en Tui que suman máis de 2,5 millóns de euros nos últimos catro anos, o que dicía “tamén reflicte o compromiso da Xunta nesta materia”. .
A concelleira de Emprego e Formación, Ana Núñez, abría o acto salientando a importancia do traballo realizado dende o mes de xaneiro co centenar de persoas que participaron no programa, e que permitiu acadar unha inserción laboral do 70%, o que dicía “é un gran logro”.
Pola súa parte o xefe territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualade, José Antonio Rodríguez, cualificaba de “éxito rotundo” a cifra de ocupación acadada, e salientaba coma “Tui é un concello implicado na aposta polo emprego”. Tamén avanzaba que dende a Xunta seguirán apostando polo emprego.
Dende o mes de xaneiro cando se puxo en marcha o Programa Integrado de Emprego de Tui tiña coma obxectivo mellorar a empregabilidade e os perfís profesionais das persoas participantes, mellora as súas habilidade sociolaborais e as competencias na busca de emprego, facilitar a inserción laboral e axudar a mellor o currículo con formación específica e atención individualizada. Para iso impartiron 923 horas de formación realizando 31 accións de formación transversal e específica e 41 accións formativas en ámbitos moi diversos dende manipulador de alimentos, competencia dixitais, manexo de carretilla elevadora, atención ao cliente, limpeza industrial… Realizaron tamén unha importante labor de prospección e intermediación, para o que contactaron con 96 empresas de distintos sectores, intermediaron en 505 ofertas de emprego e acadaron 95 contratacións de 71 persoas. Tamén asinaron 13 convenios de prácticas que permitiron que 32 persoas puideran realizar prácticas en distintas empresas e facilitaron amais contratacións directas.
No acto de clausura puido coñecer a experiencia que supuxo para as persoas participantes este Programa Integrado de Emprego, pero tamén para algunhas das empresas que traballaron estreitamente coas técnicas do programa.
Dende o Concello de Tui realízase unha valoración moi positiva desde Programa Integrado de Emprego, e agardan que as trinta persoas que aínda non se incorporaron ao mercado laboral poidan atopar en breve un posto de traballo grazas á formación e as ferramentas que recibiron nos últimos meses. Resaltan tamén coma outra ferramenta, coma é un novo obradoiro de emprego, se porá en marcha nas próximas semanas.