Tui aspira a ser recoñecida neste 2026 como Cidade Amiga da Infancia
O Concello de Tui aspira a ser recoñecida formalmente como Cidade Amiga da Infancia ao longo deste ano 2026. Este é un distintivo outorgado por UNICEF que recoñece o compromiso das administracións locais coa promoción, protección e participación da infancia e da adolescencias nas políticas municipais.
Para lograr este recoñecemento o Concello de Tui ten dado xa pasos fundamentais coma a sinatura dun convenio con UNICEF para iniciar este proceso, creou unha mesa de coordinación interna, e puxo en marcha grupo de participación infantil e xuvenil, ParTUIcipando, que ten incorporado novos membros nos últimos meses. Amais elaborouse un diagnóstico da situación da infancia e da adolescencia no municipio, que serviu de base para a elaboración do Plan Municipal da Infancia. Este documento estratéxico foi aprobado en pleno o ano pasado no mes de maio, marcando as liñas de actuación para os vindeiros anos.
Tanto o diagnóstico como o Plan Municipal da Infancia foron elaborados de forma participativa, a través do grupo ParTUIcipando, contando tamén coa implicación do alumnado, do profesorado e das nais e pais, reforzando así o compromiso de Tui cun modelo de gobernanza que escoita activamente á infancia e á comunidade educativa.
Como resultado deste traballo previo, Tui foi seleccionada hai unha semanas coma cidade candidata, un recoñecemento que acredita o avance do municipio no cumprimento dos criterios establecidos por UNICEF e que supón un paso clave para optar ao distintivo definitivo en 2026.
O proceso continuará ao longo deste ano avanzando na execución do Plan Municipal da Infancia, debendo transmitir a UNICEF os logros acadados, as barreiras detectadas e as accións desenvolvidas, co obxectivo de optar ao recoñecemento final como Cidade Amiga da Infancia.
Desde o goberno local destácase que este proceso supón unha aposta decidida por situar os dereitos da infancia no centro das políticas municipais, avanzando cara a un concello máis xusto, inclusivo e participativo.





