Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui acometerá a reforma integral do seu Mercado Municipal cun investimento de 1,6 millóns de euros

13/12/2022

O Ministerio aportará 1.3 millóns. O proxecto abrangue tamén o comercio e o mercado semanal dos xoves

O Mercado Municipal de Tui, situado na rúa Maristas, será obxecto dunha reforma integral coa finalidade de mellorar tanto as instalacións coma a experiencia de compra no mesmo de cara a lograr o recoñecemento coma Mercado Excelente.

O Concello de Tui elaborou un ambicioso proxecto no que se aposta non só por esta reforma integral da praza de abastos, senón tamén pola dixitalización e revitalización do comercio local  e do mercado semanal dos xoves.

O investimento previsto ascende a 1.673.555 € dos que 1.338.844 € serán aportados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Esta mesma semana o concello de Tui recibía a comunicación da resolución provisional desta concesión.

O proxecto presentado polo Concello de Tui obtivo a maior puntuación sendo valorado con 83 puntos sobre 100, acadando en moitos dos apartados a máxima puntuación.

Este plan de modernización, dixitalización e revitalización do sector comercial tudense abranguerá a preto de 300 establecementos comerciais, 20 postos no mercado municipal, e 140 postos do mercado semanal dos xoves. 

O alcalde, Enrique Cabaleiro, salientou coma o Concello de Tui acadou o 100% do importe subvencionable nesta convocatoria. Engade que se trata dunha achega importante “non só pola contía  senón  tamén porque  permitirá a rehabilitación dun edificio dedicado a un sector importante para o desenvolvemento da nosa economía”.

Engadía que grazas a este proxecto “imos redefinir o espazo e converter o mercado no que está a demandar a sociedade cos estándares de modernidade que agora non ten, dignificando o espazo nun ámbito urbano da cidade que tamén se verá afectado de forma positiva”. Indicaba que “unha vez concluído contaremos cun espazo moderno en Tui adecuado aos estándares de eficiencia enerxética e tecnoloxía”.

A concelleira de Comercio e Mercado, Ana Mª Núñez, sinala que se trata dun proxecto clave “para a dinamización comercial da nosa cidade” xa que “é un proxecto integral máis aló dunha reforma do edificio é unha adaptación técnica, profesional e tecnolóxica para ofrecer un mercado referente e atractivo á altura do que Tui ten que ter”.

A execución deste proxecto suporá un antes e un despois para o Mercado Municipal de Tui cunhas obras que conlevarán a súa modernización e actualización, que mudarán tanto o seu aspecto exterior coma interior.  Así por unha parte plantéxase unha praza exterior cuberta, e no interior os postos convivirán con novos usos coma un espazo gastronómico, zonas de lecer ou usos múltiples, buscando o equilibrio entre as zonas ocupadas e baleiras e dotando a todo o espazo de iluminación e calidez, e creando percorridos que favorezan a interacción e a compra. O mercado gañará en confortabilidade e eficiencia enerxética coa aplicación de sistemas de aerotermia e coa mellora da envolvente térmica. Mellorarase a sostenibilidade con illas ecolóxicas modulares para a recollida e separación de residuos, a adhesión á iniciativa Too Good to Go, packaging reutilizable, un área de intercambio e venda de obxecto de segunda man, ou aparcamento para bicicletas.

Máis aló da actuación concreta no edificio do Mercado Municipal o proxecto a executar contempla tamén  a dixitalización do comercio local con campañas de marketing en soportes dixitais, o desenvolvemento dunha aplicación que facilite información sobre o comercio de Tui de xeito integral , un marketplace, ou a análise das tendencias de compra e da competencia do comercio tudense.  

Outro dos puntos nos que se incidirá será na realización dunha plataforma colaborativa con produtores locais e coa implantación dun sistema de códigos QR.

A formación con accións para o manexo da app, web e marketplace, pero tamén de idiomas ou mentoring individual forman parte tamén das accións previstas.

Unha vez recibida a resolución definitiva da concesión da subvención o Concello de Tui procederá a iniciar o proceso de licitación. A execución do proxecto de reforma integral  conlevará a recolocación dos praceiros e praceiras noutro espazo de forma provisional mentres duren as obras. Unha nova ubicación que se buscará e establecerá de forma conxunta e consensuada cos propios vendedores e vendedoras da praza tendo en conta que a súa actividade non se pode paralizar ao longo do ano que durarán os traballos.

Cómpre salientar que tanto a reforma do mercado municipal como a dinamización e modernización do comercio local forman parte das actuacións incorporadas ao Plan de Acción da Axenda Urbana de Tui que se está desenvolvendo na actualidade dentro dos proxectos piloto promovidos por parte do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana.

Amais a dinamización do comercio local está tamén recollida no Plan de Dinamización da área Rexurbe de Tui e na Estratexia da Eurocidade Tui-Valença 2030.