Tui acolleu a ultima sesión das XVII Leccións Xacobeas da Universidade de Santiago
Máis de sesenta alumnos e especialistas percorreron o tramo do Camiño Portugués e visitaron a Catedral
As XVII Leccións Xacobeas Internacionais da Universidade de Santiago de Compostela, USC, celebradas en Santiago do 20 ao 22 de xullo, tiveron a última das súas sesións de traballo en Tui. Foi onte xoves ao longo da xornada reforzando a importancia da cidade como porta de entrada a Galicia do Camiño Portugués.
O programa reuniu investigadores e especialistas nacionais e internacionais para analizar o patrimonio e a historia das peregrinacións. Na xornada de onte os participantes percorreron un tramo do Camiño Portugués entre Cerdal, en Valença, e Tui, nunha ruta xacobea guiada por Rafael Sánchez Bargiela e Narciso Serra, membros do Instituto de Estudos Tudenses.
Tras completar a ruta, os participantes foron recibidos oficialmente polo alcalde do Concello de Tui, Enrique Cabaleiro. Pola tarde, os participantes realizaron unha visita guiada á Catedral de Santa María, que este ano conmemora o 800 aniversario da súa consagración, un dos fitos patrimoniais máis importantes da cidade, así como a outros lugares emblemáticos do noso patrimonio como a igrexa de San Domingos e visitaron as escavacións arqueolóxicas da Praza do Pracer.
Estas Leccións Xacobeas reuniron en Tui a investigadores de universidades e centros de investigación de España, Portugal, Italia, Brasil e Canadá. As Leccións Xacobeas están organizadas pola Cátedra do Camiño de Santiago e Peregrinacións da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e contan co apoio do Concello de Tui, o Instituto de Estudos Tudenses, a Catedral de Santiago de Compostela e de Tui e outras institucións implicadas no estudo e promoción do Camiño de Santiago. Están coordinadas polo catedrático da USC, Miguel Taín Guzman, e polo profesor desa mesma Universidade, Domingo González Lopo.
A inclusión de Tui no programa deste curso de verán representa, en palabras do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, unha espléndida oportunidade para promover internacionalmente o patrimonio histórico da cidade e destacar tanto a súa catedral como o Camiño Portugués, unha das rutas de peregrinación a Santiago de Compostela de máis rápido crecemento nos últimos anos.





