Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui acolle o V Congreso EducODS

2/06/2025

O Paseo da Corredoira transfórmase esta semana nun escaparate do traballo que realizan 21 centros educativos

O Paseo da Corredoira transfórmase dende mañá martes, 3 de xuño, e até este venres, 6 de xuño, para acoller o V Congreso EducODS organizado polo CEIP nº1 e que conta coa colaboración do Concello de Tui entre outras institucións e entidades.

Ao longo deste céntrico paseo están xa instalados os postos nos que os 21 centros educativos de Infantil, Primaria e Secundaria que participan nesta quinta edición van amosar o traballo realizado ao longo do curso en moi diversos ámbitos pero sempre vinculado con algún ODS, Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.  Serán máis de 1.200 alumnos e alumnas os que van participar activamente no Congreso aos que se suman os escolares dos colexios que acudirán coma visitantes.

Polas tardes tanto mañá martes coma o mércores, dende ás 17.30 h, a cita será no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela. Mañá martes haberá un Show Científico a cargo do alumnado do CEIP nº1, un concerto a cargo do Conservatorio Profesional e da Escola de Música, unha actividade sobre “Mulleres que cambiaron a historia” a cargo do alumnado dos centros educativos de Tui, e a proxección de “Adios Muchachos” nunha colaboración do Cineclub Tui, que o xoves ofrecerá no mesmo horario a proxección de “Proyecto Nim”.

O mércores desenvolverase un obradoiro para familias “A aprendizaxe cooperativa, un recurso para a inclusión” a cargo do alumnado con Carmen Vaz e José Ramón Lago.  Mentres Rosana Pazos e Víctor Lorán de  Matefactoría realizarán un obradoiro de matemáticas manipulativas.

O xoves, dende ás 17.30 h, a actividade desenvolverase no Mercado de San Antonio coa mesa redonda “Coidado e benestar dos animais domésticos” na que participarán María Sánchez, Cristina Collazo, e alumnado dos centros educativos tudenses. A continuación terá lugar o teatro musicalizado “Animalia” con Cristina Collazo e Josito Porto, con alumnado dos centros educativos de Tui e coa Banda de Música Xuvenil de Tui.

O congreso ten tamén o seu carácter solidario xa que colabora coa asociación asistencial SOS Tomiño Baixo Miño na recollida de alimentos non perecedoiros, e con Aldeas Infantís na de material escolar.

A concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade, Sonsoles Vicente, felicita ao CEIP nº1 de Tui pola iniciativa deste Congreso que foi crecendo edición a edición consolidándose coma un referente no ámbito educativo para amosar o traballo que realizan nos distintos colexios e institutos participantes.  Destaca a concelleira o percorrido que este congreso ten realizado en tan pouco tempo, logrando reunir a centro educativos tanto de Tui coma tamén doutros municipios.  Sonsoles Vicente amosa o seu agradecemento a todas as persoas que fan posible esta destacada cita no ámbito educativo.