Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui acolle a Fase de Ascenso Senior a 1º Galicia de Baloncesto

7/06/2024

O CB Tui buscará na casa subir de categoría

O pavillón municipal de Tui, acollerá mañá e o domingo a Fase de Ascenso a 1ª Senior de Baloncesto. O equipo local, o CB Tui buscará subir de categoría ante o Instituto Rosalía, o CB Artai, e o CB Celtas Foz que participan tamén nesta fase de ascenso.

A presentación desta competición esta mañá correu a cargo do alcalde do Concello de Tui, Enrique Cabaleiro, do concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, do vicepresidente da Federación Galega de Baloncesto, Miguel González, do presidente do CB Tui, Alejandro Carreto, e do coordinador deportivo do club, Javier Niño

O presidente do CB Tui, Alejandro Carreto, destacou que para un club humilde coma o tudense “é importante chegar a esta fase” e máis facéndoo con xogadores da base que conforman a metade do equipo que loitará mañá polo ascenso.  Javier Niño, coordinador deportivo explicou que “o obxectivo do club é subir, e facelo coa xente da casa e coa media de idade máis pequena da liga”. Amosouse “moi orgulloso do que fixemos” nesta temporada e animou a acudir ao pavillón.

Miguel González, vicepresidente da Federación Galega de Baloncesto felicitou ao CB Tui polo “gran traballo feito esta temporada”, ao tempo salientou que esta fin de semana vai ser “unha auténtica festa”.

Rafael Estévez, concelleiro de Deportes, salientou na súa intervención o bo momento que vive o deporte tudense e animou a acudir ao pavillón afirmando que “sería impresionante ascender”.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou o mérito dos xogadores, os adestradores e a directiva para chegar a esta fase de ascenso. Engadiu o rexedor que o deporte “nos está dando moitas alegrías”, o que “é síntoma da boa saúde do deporte en Tui”, e aludiu ao esforzo que dende o concello se realiza tanto para recuperar coma para manter as instalacións deportivas nas condicións axeitadas. Por último Enrique Cabaleiro facía un chamamento a acudir a animar ao CB Tui está fin de semana nesta importante fase de ascenso.

  • Sábado 8
    • Ás 18 h Instituto Rosalía - Club Baloncesto Artai
    • Ás 20 h CB Tui - CB Celtas Foz
  • Domingo 9 
    • Ás 17 h Encontro polo 3º e 4º posto
    • Ás 19 h Final