“Salta” chega este venres ao Paseo Fluvial
A proxección comezará ás 22.15 h dentro da programación “Tui, verán na rúa”
A programación “Tui, verán na rúa”, que organiza o Concello de Tui, ofrece este venres unha nova cita co cinema ao aire libre. Este venres, ás 22.15 h, no Paseo Fluvial proxectarase “Salta!” dirixida por Olga Osorio.
O filme está protagonizado por Tamar Novás, Marta Nieto e Mário Santos, formando parte tamén do reparto Rubén Fulgencio, Mabel Rivera, Manuel Manquiña, Machi Salgado, Irene Jiménez e Saúl Esqueva. Por esta película Tamar Novás recibiu o premio Mestre Mateo á Mellor interpretación masculina protagonista.
“Salta!” é unha comedia familiar entrañable e divertida na que se mestura ciencia ficción e romanticismo. A historia transcorre nun modesto piso de barrio onde dous irmáns, Óscar de 13 anos e Teo de 10 anos, afrontan, cada unha ao seu xeito, a desaparición da súa nai, unha prometedora científica obsesionada cos buratos de verme. A película foi o debut na longametraxe de Olga Osorio, que tomou coma punto de partida do filme a súa multipremiada curtametraxe “Einstein-Rosen”.
Lembramos que a proxección será este venres, 9 de agosto, ás 22.15 h no Paseo Fluvial con entrada libre.