Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

As Rutas de Natureza proseguen este domingo cun roteiro pola senda do río Tripes

11/06/2024

As persoas interesadas deben inscribirse na Oficina de Turismo

Este domingo, 16 de xuño, proseguen as Rutas de Natureza organizadas polo Concello de Tui cun percorrido pola senda dos muíños do Tripes. O punto de partida será a área recreativa de Circos, en Pazos de Reis, ás 10 h.

Cristian Lago, guía intérprete do patrimonio, guiará este percorrido circular de 5 quilómetros e dificultade baixa. As persoas asistentes poderán percorrer esta  contorna natural do río Tripes e visitando os muíños do Tripes, un conxunto de muíños hidráulicos de gran valor patrimonial. Algúns deles estará en funcionamento, e está prevista unha degustación de papas de millo.

Para participar na ruta é necesario inscribirse previamente na Oficina de Turismo de Tui, en turismo@tui.gal  ou no teléfono 677 41 84 05.

Con este percorrido pola Senda dos Muíños do Tripes proseguen as rutas iniciadas o pasado mes de maio, e que están a contar con gran acollida. As seguintes citas serán o Roteiro urbano polos xardíns ocultos da cidade o domingo 23, e a Ruta Ornitolóxica pola beira do Miño prevista para o domingo 30. A inscrición pode realizarse tamén na Oficina de Turismo.

  • Data: Domingo 16 de xuño
  • Hora: 10.00 h
  • Lugar de saída: Área Recreativa de Circos
  • Distancia: 5 quilómetros
  • Dificultade: Baixa
  • Duración: 3 horas
  • Inscricións: Oficina de Turismo de Tui, turismo@tui.gal, ou teléfono 677 41 84 05