Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Presentado o programa dos "Mes dos Libros" da Biblioteca Municipal

20/04/2010

A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE TUI PRESENTA O SEU PROGRAMA DE ACTIVIDADES "O MES DOS LIBROS"

 

Martes, 20 de abril de 2010. O Concelleiro de Cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, presentou nesta mañá o programa de actividades que promove a Biblioteca Pública Municipal de Tui arredor das datas do 23 de abril, día do libro, e o 17 de maio, día das Letras Galegas, baixo a denominación de "Mes dos Libros".

 

O obxectivo destas actividades é achegar o libro e a lectura a todo os cidadáns e promover a consideración da lectura como unha ferramenta indispensable para a formación das persoas e unha opción para o seu tempo de lecer, consolidando á Biblioteca Municipal tudense como un servizo cultural .

 

Comezará este amplo programa de actividades o vindeiro venres 23 de abril coa actividade "Os libros na praza" que promoven a Biblioteca Municipal xunto coa Bibliotecas escolares do noso municipio. Trátase de encher a Praza de San Fernando cos libros vellos e usados que todos temos na casa, a partires das 09,15 horas os alumnos dos centos escolares achegaranse ata a praza para depositar alí os seus libros, e tamén todos os veciños de Tui están convidados a depositar alí os volumes que desexen. Logo pola tarde, os que visiten esta Praza de San Fernando poderán coller aqueles libre que lles interese. Finalmente, ás 20,00 horas recolleranse todos os libros alí depositados que serán entregados á Fundación Cumulum que os distribuirá en centros bibliotecarios de diversos países ou procederá ao seu reciclado.

 

A Fundación Cumulum organiza unha actividade similar nesta mesma xornada do 23 de abril nas sete cidades de Galicia e foi a iniciativa da Biblioteca do IES San Paio que se organizou en Tui. Xosé María Lores, responsable desta Biblioteca escolar acompañaba ao Concelleiro de Cultura tudense nesta presentación. Salientaban ambos que é a primeira ocasión en que colaboran conxuntamente a Biblioteca Municipal e as Bibliotecas dos centros escolares do municipio tudense, confiando que esta cooperación continúe no futuro con novas actividades.

 

Ao longo da mañá na Praza de San Fernando os diversos grupos escolares asistentes realizarán recitais de música, de poesía, lectura de textos, etc. Pola tarde, as 17,30 horas haberá unha sesión de monicreques para os cativos a cargo de Marío Tomás que porá en escena a obra:  "A princesa do sal e outros contos de sempre".

 

A programación completa do "Mes do libros" foi presentada polo técnico da biblioteca municipal, Rafael Sánchez, que sinalaba a pretensión de abordar actividades para todos os sectores de idade, dende os racapes aos adultos, pois a Biblioteca Municipal precisa achegarse a todos os públicos, non ficando restrinxida a un sector de idade, como son os estudantes. Destacaba a presenza o 11 de maio do escritor Alfredo Gómez Cerdá, gañador do Premio nacional de Literatura Infantil u Juvenil no ano 2009 e un dos máis prestixios autores da literatura para mozos de España.

 

Amais de obradoiros e maxia para os máis cativos (cunha sesión a cargo do grupo "A ill@ dos nen@s" que no pasado outono tivo un éxito rotundo na súa visita á Biblioteca Municipal) haberá tamén actividades para os adultos cunha sesión de contacontos, a cargo da actriz Sherezade Bardají e un recital poético-musical do escritor Xosé Carlos Caneiro. As actividades se realizan ao abeiro do programa Letras Vivas da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Consellería de Cultura e Turismo.

 

Completa esta programación de actividades a inmediata convocatoria dunha segunda edición do concurso de caligramas por parte da Biblioteca, logo lo éxito acadado na anterior convocatoria de hai tres anos, recuperando deste xeito este certame, único que se convoca en Galicia sobre esta modalidade poética.

 

Finalmente, o concelleiro de cultura tudense informaba que nesta semana ficará rematado o equipamento dunha nova área da Biblioteca Municipal, onde se ubicará o fondo local e a comiteca (ou sección de cómic) gracías a dotación de mobiliario recibido dende a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia. Esta dotación está integrada por estanterías, planeiros, expositores de cómic, unha mesa con dez postos de lectura, etc. Deste xeito se incrementa tanto os servizos como a superficie de uso bibliotecario, redundando nunha mellora da atención ao público.

 

Programación do " Mes dos Libros"

 

Martes 27 de abril - Obradoiro para nenos - 17,30 h.

"Creación do noso propio libro" - Eduvia

 

Martes 11 de maio - Encontro con autor - 18,00 h.

Alfredo Gómez Cerdá - Premio nacional de literatura infantil e xuvenil

Patrocinado por Editorial Tambre - Edelvives

 

Luns 17 de Maio: Día das Letras Galegas

XIII Feira do Libro Galego en Tui

 

Mércores 19 de maio: - Maxia para nenos - 18,00 h.

"A maxia dos soños" - A ill@ dos nen@s

 

Xoves 20 de maio - Contacontos para adultos - 20,30 h.

"A sombra dos sentidos" - Sherezade Bardají

 

Mércores 26 de Maio, 20,30 h. - Camiños de Amor e Lúa

Recital poético-musical con Xose Carlos Caneiro

Patrocina Xacobeo 2010