Os Sambenitos da Catedral de Tui protagonistas en Madrid
Até o 4 de febreiro pódese visitar unha exposición con estas pezas singulares do templo catedralicio no Centro Sefarad-Israel
A colección de Sambenitos da Catedral de Tui é protagonista en Madrid, no Centro Sefarad-Israel até o próximo 4 de febreiro.
Este mediodía foi inaugurada a mostra “Os sambenitos da catedral de Tui: historia, memoria e infamia” por parte do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, e o director Xeral do Centro Sefarad-Isarel, José Thomas Lozano. O acto contou tamén coa presenza da concelleira de Turismo de Tui, Ana Núñez, do director xerente da Red de Juderías, Iñaki Echeveste, e do deputado autonómico, Moisés Rodríguez.
A exposición “Os sambenitos da catedral de Tui: historia, memoria e infamia”, ten como obxectivo contribuír á difusión destas pezas singulares que atesoura a catedral de Tui e que constitúen unha testemuña excepcional da presenza sefardí na nosa cidade. A colección de sambenitos tudense está conformada por cinco lenzos no que están pintados catorce sambenitos correspondentes a outros tantos “penitenciados” ou condenados polo Tribunal da Inquisición polas súas prácticas xudías nuns procesos realizados nas primeiras décadas do século XVII. Estes lenzos ou “sambenitos” estaban destinados a ser colocados nas paredes da catedral tudense como condena permanente destas persoas e das súas familias que quedan así sinalada de xeito infamante ao longo do tempo.
Esta colección de sambenitos da catedral de Tui é un dos principais elementos patrimoniais que posúe a nosa cidade como legado da presenza de comunidades xudías, ata a expulsión de 1492, e de posteriores grupos de “cristiáns novos” ao longo do século XVI e XVII. Este importante acervo patrimonial está na orixe da pertenza de Tui, dende o ano 2019, á Red de Juderias de España – Caminos de Sefarad que integra a 22 cidades españolas e ás que se acaban de sumar seis novos municipios como resultado do proceso de ampliación aberto pola Red.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destaca que a celebración desta exposición é una oportunidade excelente para a difusión do legado xudeu de Tui e para a divulgación destes elementos patrimoniais como son os “sambenitos”, unhas pezas excepcionais pero escasamente coñecidas tanto por estudosos como polo público en xeral. Esta mostra é tamén unha magnifica ocasión para a promoción da nosa cidade e dos seus recursos patrimoniais e turísticos especialmente neste ano en que celebramos o 800 aniversario da consagración da catedral de Tui no que se inxire esta exposición. O rexedor tudense agrade a excelente colaboración realizada co Centro Sefarad-Isarel para a organización desta mostra.
O Centro Sefarad-Israel é unha institución de diplomacia pública formada polo Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, a Comunidad de Madrid e o Concello de Madrid, cuxo propósito é fortalecer os vínculos entre España e o mundo xudeu. Desde a súa creación en 2006, o Centro desenvolve un intenso labor cultural, educativa e de memoria, cunha programación que abarca conferencias, exposicións, cinema, concertos e actividades académicas, tanto presenciais como en liña. A institución forma parte da Rede de Casas de diplomacia pública do Estado español, xunto a Casa de América, Casa Árabe, Casa África, Casa Asia e Casa Mediterráneo.





