O XI Trofeo de Baile Deportivo da Eurocidade reunirá a máis de 600 bailaríns e bailarinas de España e Portugal
Celebrarase o sábado e o domingo no pavillón Gustavo Rodríguez
Cumbia, cha-cha-cha, valses, fox-trot, tango… serán algúns dos bailes protagonistas ao longo desta fin de semana en Tui coa celebración do XI Trofeo de Baile Deportivo da Eurocidade Tui-Valença que vai reunir a máis de 600 bailaríns e bailarinas nas distintas modalidades.
Os e as participantes chegarán dende distintos puntos de Galicia e de España coma Mallorca, Extremadura, Cantabria, Canarias, ou Madrid, e tamén de Portugal, mesmo dende Madeira para competir nas distintas probas previstas en dúas xornadas maratonianas o sábado dende ás 10 h e o domingo dende ás 8 h.
Así se deu a coñecer este mediodía na presentación desta proba que forma parte do Calendario Deportivo da Eurocidade Tui-Valença. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, incidía na satisfacción de poder albergar un campionato destas características que é moi espectacular e brillante, polo que convidaba a acudir ao pavillón municipal. Incidía ademais na aposta do Concello de Tui por este tipo de eventos que máis aló da súa vertente deportiva son tamén un elemento de dinamización social e económica
O concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, congratulábase tamén de ser a sede deste Trofeo, e avanzaba que están traballando xa en novidades de cara a 2026.
Miguel Abreu, director do Trofeo e da Escola de Baile Pasos, foi o encargado de explicar os pormenores da competición destacando a importancia por calidade e cantidade desta edición. Destacaba coma novidade que o Trofeo será Circuíto Ibérico contando coa participación de 70 parellas, e máis de 100 persoas competindo en single, e 250 bailaríns en grupos de baile deportivo con coreografías grupais. Tamén se celebrará unha competición puntuable para o ranking nacional de bailes latinos e estándar caribeños cunha ampla participación. Outra das probas será o Campionato Galego de 10 bailes en parella e singles.
En https://bailegalicia.net/ pódense consultar os horarios das distintas probas no pavillón Gustavo Rodríguez. A entrada ten un prezo de 9€/día.





