Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O transporte en tren e a protección do medio natural entre as prioridades do CEIP Nº1

22/06/2022

O alumnado deste centro educativo reuniuse  co equipo da Axenda Urbana para trasladarlle a necesidade de ter máis composteiros, maior concienciación e mellor xestión dos residuos, entre outras iniciativas

O  CEIP Nº1 de Tui despediu o curso escolar recibindo ao equipo da Axenda Urbana. Xuntos diagnosticaron a situación actual da cidade e adiantaron futuras iniciativas, sempre sostibles, para implantar.

O equipo da Axenda Urbana atopouse con interlocutores expertos coñecedores de cada un dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) moi conscientes da importancia de vivir en equilibrio. O alumnado do Nº1 vén de clausurar o seu congreso educativo ODS 2030 e de traballar ao longo do curso no coñecemento de cada un dos dezasete obxectivos.

Coidar e valorar o patrimonio natural, máis composteiros, maior concienciación e mellor xestión dos residuos e sendas seguras para percorrer con liberdade en bicicleta ou a pé son algunhas das propostas do alumnado que non dubidou en salientar a situación actual do transporte ferroviario na cidade. O alumnado puxo o foco nas dúas estacións de Tui, na pouca oferta de horarios, na imposibilidade de conectar con outras cidades dende as súas estacións e na necesidade de reactivar e fomentar os desprazamentos en tren por economía e por ecoloxía.

Outra das demandas foi un cine, unha necesidade anteriormente citada no resto dos centros educativos, e que o alumnado considera que podería ubicarse ou no Teatro Principal ou no Outlet. Precisamente o centro comercial de Areas foi un dos asuntos de debate. Segundo o alumnado non cubre as expectativas e tampouco é doado achegarse se non dispós de coche. É dicir, conexión segura a pé ou en bicicleta e máis oferta comercial son indispensables para facer atractivo este espazo.

A Axenda Urbana de Tui é un documento estratéxico que marcará o crecemento do concello ao longo dos vindeiros dez anos. Polas súas fortalezas a Unión Europea e o goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, decidiron apostar por Tui converténdoo no único concello da provincia de menos de 20.000 habitantes con financiación para redactar a súa Axenda Urbana.

Co obxectivo de redactar unha estratexia consensuada, parte do equipo redactor reúnese ao longo destes meses coas asociacións e colectivos veciñais, sociais e comerciais de todo o concello así como escolares e tamén a mocidade dos institutos de secundaria.

Tui camiñará cara un desenvolvemento sostible no que a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario e farao cun documento consensuado financiado cos fondos Next Generation e que planificará os vindeiros dez anos en liña con dez Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

Dos 8131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana. Polas súas fortalezas e posicionamento estratéxico Tui é un dos municipios seleccionados por Europa para redactar o seu proxecto piloto e servir de exemplo ao resto de cidades de España e Europa.