Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Teatro Municipal acolle o sábado o III Concurso Zonal de Bandas de Música

17/04/2010

O Teatro Municipal acolle mañá o III Concurso Zona de Bandas de Música - Zona Sur

Participarán oito agrupacións dende ás 16h

 

Venres, 16 de abril de 2010. O Teatro Municipal de Tui acolle mañá sábado, a partir das catro da tarde, o III Concurso Zonal de Bandas de Música Zona Sur organizado pola Deputación de Pontevedra coa colaboración do concello de Tui.

 

As agrupacións participantes divídense en tres seccións en función do número de integrantes.  Na sección terceira, coa que comezará a competición, participan a Banda de Música Municipal de Arbo e a Banda de Música de Chapela. Na sección segunda entran en concurso a Banda de Música Unión de Guláns, a Agrupación Musical de Goián e a Banda de Música Xuvenil de Xinzo. Por último na sección primeira compiten a Agrupación Musical do Rosal, a Agrupación Musical de Vincios  e a Banda de Música Xuvenil de Torroso. Cada unha destas agrupación debe interpretar dúas composicións, sendo unha delas galega e outra de libre elección. A entrada é libre.

 

Ao remate, mentres delibera o xurado actuará coma agrupación convidada a Omega Brass Ensemble

 

O Certame foi presentado esta mañá na Casa do Concello de Tui polo Deputado de Cultura, Jose Juan Durán, e polo Concelleiro de Cultura de Tui, Moisés Rodríguez.

 

O edil de Cultura expuxo na súa intervención que o feito de que Tui "Sexa un referente por programación cultura é tamén polo esforzo que fai dende a Deputación e dende a Xunta de Galicia". Amosouse amais orgulloso de que o organismo provincial escolla cidade un ano máis para a celebración deste evento ao que dicía "está garantida a afluencia de público e a calidade das bandas participantes".

 

Pola súa parte Jose Juan Durán puxo de relevo que Tui é o único concello que acolleu as tres edicións deste certame, xa que noutras comarcas vai rotando de municipio. Isto é así segundo explicaba pola gran tradición cultural e musical da cidade, porque se un concello "ponte" con Portugal, e polas magníficas instalacións do Teatro Municipal.

 

O Deputado Cultura expuña que as agrupacións participantes conta cunha traxectoria artística acreditada e con calidade polo que convidaba ao público de toda a contar a asistir ao certame que se celebra mañá, no que segundo apuntaba "volverá haber un ambiente especial".

 

Ao remate da presentación Jose Juan Durán ofreceu a Moisés Rodríguez a posibilidade de que dúas exposicións itinerantes da Área de Cultura da Deputación se poidan ollar en Tui. Trátase dunha mostra de corenta gravados sobre "Os desastres da Guerra" de Francisco de Goya; e dunha colección de caricaturas sobre Valle Inclán realizadas por artistas coma Picasso ou Castelao.  Moisés Rodríguez agradeceu o ofrecemento máis neste Ano Santo, e proximamente concretarán as datas en que se exhibirán as dúas mostras en Tui.

 

 

Certame Zonal de Bandas de Música Zona sur

Lugar: Teatro Municipal

Data: Sábado, 17 de abril, ás 16h