Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O MUMI abre mañá as inscricións para artistas e profesionais

14/03/2024

Dirixidas á industria musical de Galiza e Portugal

Mañá 15 de marzo abre o prazo para inscribirse no Encontro Profesional de Músicas Galiza-Portugal 2024. A convocatoria para candidatar propostas de artistas e bandas pecharase o 30 de abril, mentres que as inscricións para profesionais permanecerán abertas ata o 8 de setembro. En ambos casos, a participación é gratuíta a través da web mumimusicas.eu. As propostas escollidas configurarán un programa de showcases, que xunto ás palestras e os encontros de traballo, converterán á Eurocidade Tui-Valença durante catro días no mercado musical de referencia no oeste peninsular.

O encontro profesional de música MUMI xa ten datas para a edición 2024. Artistas, axencias, empresas, profesionais da xestión cultural, xornalistas e público xeral teñen unha nova cita na Eurocidade Valença-Tui do xoves 12 ao domingo 15 de setembro. Catro días de música e encontros profesionais que terán lugar en localizacións emblemáticas de ambos municipios e que converterán de novo á Eurocidade nun polo de intercambio cultural e económico entre os dous países. A feira terá tamén programación aberta á cidadanía, nas prazas e rúas de Tui e Valença, onde se poderá gozar dalgunhas das propostas musicais que se presentarán este ano.
 
Inscricións para propostas artísticas
Para as bandas e artistas galegas e portuguesas interesadas en participar nos showcases, a convocatoria está aberta desde mañá 15 de marzo ata o 30 de abril. Poderán presentarse todas as bandas ou artistas de Portugal e Galiza que teñan un proxecto musical de carácter profesional, independentemente do tipo de formación ou estilo. As propostas participantes serán escollidas por profesionais do sector, seguindo non só criterios de calidade, mais tamén de  viabilidade dentro dos obxectivos e características da feira. A organización negociará as condicións económicas con cada banda/artista, dependendo do número de integrantes, ofrecendo unha noite de aloxamento para as propostas seleccionadas e garantindo o equipamento técnico necesario para a correcta realización da actuación. As bandas e artistas deberán cumprir cos horarios e tempos indicados pola organización, e permitirán ao MUMi a captación de fotografías e gravación de vídeo, cedendo os dereitos deste material para uso unicamente promocional.

Inscricións profesionais
Para as empresas de produción e management, axencias de booking, responsables de programacións musicais, profesionais da xestión cultural, persoal técnico dos departamentos de Cultura e xornalistas, as inscricións estarán abertas desde mañá ata o 8 de setembro, unha semana antes da celebración do evento, para facilitar a posibilidade de axendar encontros con profesionais e artistas e de confirmar praza para asistir a todos os showcases, palestras e sesións de traballo.

Diversidade e territorio
A programación incluirá sesións musicais onde se presentará unha selección de artistas que representen a diversidade creativa do momento actual; e actividades profesionais, tanto formativas como rondas de negocio, ademais concertos abertos ao público xeral nos que participarán artistas de ambos territorios. En colaboración cos concellos de Tui e Valença, habilitaranse espazos emblemáticos de ambas cidades para acoller as diferentes propostas do programa co obxectivo de visibilizar non só a artistas e bandas, senón as posibilidades do traballo conxunto desta alianza estratéxica que é a Eurocidade Tui-Valença.
 
O único mercado de música en GaliciaO MUMI é neste momento o único mercado de música que existe en Galicia e no norte portugués, o que o converte nunha oportunidade de innumerables intercambios entre os dous territorios, tanto no ámbito musical como no económico, no patrimonial e no social. Despois de reunir a cerca de 300 profesionais na edición anterior, en 2024, a organización do MUMI continuará traballando na consolidación dun espazo de traballo rico, diverso e produtivo, e na apertura de novas oportunidades de mercado que contribúan a fortalecer a industria musical galega e portuguesa, a involucrar aínda máis o sector, facendo que a feira sexa o punto de encontro de referencia para marcar a axenda anual do traballo dos departamentos de cultura das institucións públicas e da industria musical galega e portuguesa, que se darán cita neste evento que conta co apoio económico e loxístico dos municípios de Tui e Valença, e o respaldo da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.