Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Mercado Elas Facedoras pon en valor a creatividade feminina

10/03/2026

O Espazo Sociocultural acollerá a segunda edición desta actividade na que participarán 20 mulleres e haberá amais unha ampla programación paralela

Dentro da programación do 8M, o Día Internacional da Muller, o Concello de Tui vai por en valor a creatividade feminina co II Mercado Creativo Elas Facedoras esta fin de semana no Espazo Sociocultural. Participarán vinte mulleres presentando as súas propostas en pintura, cerámica, gastronomía, xoiería, coiro… Deste xeito apóstase pola visibilización das artesás e dos seus produtos. A exposición e venda completarase cun amplo programa de actividades tanto na xornada do sábado coma do domingo.

Xoiería, escultura, pintura, estampación botánica, papel artesanal, pezas en pel, roupa de bebé pintada man, traballos realizados con cianotipia, aceites esenciais, artigos de marroquinería, complementos, viños artesanais,… serán algúns dos produtos que poderemos atopar no mercado da man de A invenção do dia azul, anabelenjarrin, areladefe, Artesanía Sabela, Cabuxa, Como pez en el agua, Dragonfly joyería, D Rositas, El Barro y la Cometa, El Proyecto de Fabiana, Icy Dolche, La Clave de An, Luxor & luxor, Manos Creadoras, Marifastudo, Mar.Jewelrin, Media Lúa, Quiñóns da Ínsua, Rosa María Vila e Shirga. Chegarán dende Tui, Tomiño, O Rosal, Oia, Salvaterra, Nigrán, Vigo, Ribadavia, Rois, ou Caminha.

O Mercado creativo Elas Facedoras  abrirá este sábado, 14 de marzo, de 11 h a 14 h e de 17 h a 21.30 h e o domingo, 15 de marzo, de 12 h a 14 h e de 17 h a 20 h. A entrada é libre.

O mercado contará amais  cun programa de actividades complementarias, que incluirá́ unha mesa de debate, actuacións musicais e un monólogo de humor.

Así o sábado 14 ás 12 h terá lugar a mesa redonda “As mulleres na artesanía contemporánea galega” coa participación de Verónica Moar, ceramista e artista; Amalia Puga, deseñadora de pezas elaboradas a partir de materiais recuperados do mar a través do Proxecto Bolina; Julia de la Cal, cesteira e deseñadora, creadora de La Parabólica; e Mercedes Vieites, fundadora da marca Lumecú, baseada en deseños inspirados no traxe tradicional galego. O sábado ás 13 h actuarán Yudit Almeida ao contrabaixo e voz e Xan Campos ao piano, transitando diferentes etapas do amor e o respecto a través de composicións da contrabaxista, así como con boleros reinterpretados desde unha perspectiva máis moderna. Pechará a tarde, ás 19 h, Señora Dj - Raquel Rodríguez de Vilagarcía de Arousa – cunha mestura ecléctica de disco, pop, urbano e techno, co petardeo fino como marca persoal.

Xa o domingo ás 12 h haberá unha presentación e degustación de produtos de artesanía alimentaria. O dúo formado pola cantante Gloria Pavía e o baixista Rafa Morales actuará o domingo ás 13 h cun repertorio formado principalmente por temas orixinais, arranxados para voz e baixo eléctrico. Pechará o programa de actividades, o domingo ás 18.30 h, o monólogo do dúo Sobria&Serena, formado por Arantxa Treus e Jazmín Abuín.

A creatividade feminina será a protagonista da fin de semana en Tui co II Mercado Creativo Elas Facedoras.