O martes 17 de maio celébrase a XIV Feira do Libro, con liberias de Tui e Valença
PRESENTADA A XIV EDICIÓN DA FEIRA DO LIBRO DE TUI A CELEBRAR O VINDEIRO MARTES 17 DE MAIO, DIA DAS LETRAS GALEGAS
A presenza de dúas librarías de Valença e a sinatura de libros por autores locais principais novidades desta edición
No Salón de Plenos da Casa do Concello tudense foi presentada esta mañá a XIV Feira do Libro de Tui polo Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez Pérez, Maruchi Valverde, en representación das librarías participantes, e Rafael Sánchez, técnico da Biblioteca Municipal que ten asumido este ano a coordinación desta feira.
A inauguración está prevista para o próximo martes, 17 de maio, ás 12 do mediodía a cargo da directora do Colexio Rural Agrupado de Tui, Teresa Domínguez, en recoñecemento ao recente Premio Nacional de Bibliotecas Escolares que ten recibido, o pasado martes en Madrid, este centro educativo tudense. Dende ese momento e ata ás dez da noite o público poderá pasar polos 20 postos de libros que se instalarán na Corredoira, nos que haberá un 10% de desconto. Nesta edición participan as librarías tudense: Iris e Valverde e como novidade, ao abeiro da irmandade con Valença do Minho, dúas librarías valencianas: Moderna e Santa Teresinha que achegaran a súa oferta de libros en lingua portuguesa. Pero fundamentalmente haberá títulos en galego de literatura infantil, xuvenil, novela, viaxes, gastronomía, e por suposto tamén a obra de Lois Pereiro, autor a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Tamén nos postos das librarías estarán presentas as obras do escritores tudenses tanto en castelán coma en galego.
Trala inauguración ofrecerá un recital de poesía a Asociación de Poetas do Baixo Miño. Ás 12.30h está prevista a actuación do grupo folclórico “San Fins” de Rebordáns. Xa pola tarde, e tras o éxito da anterior edición, entre ás 16.30 e ás 19.30h haberá inchables para os máis pequenos. Ás seis da tarde actuará o grupo folclórico “Santa Columba” de Ribadelouro. E por último ás 19,30 h haberá un espectáculo de circo de rúa a cargo de Pablo Trasno.
Moisés Rodríguez na súa intervención salientou que esta é unha feira consolidada tanto no municipio coma no entorno e salientaba as novidades incorporadas nesta edición como é a incorporación de librarías da cidade irmá de Valença e a sinatura de libros por parte dos autores tudenses: Antonio García Rivas, Marga do Val, Kristina Sabaite, Conchi Regueiro, Ernesto Iglesias, Fernando Álvarez e Suso Vila.
Pola súa parte a libreira Maruchi Valverde, amosaba o seu agradecemento por esta oportunidade que lles brinda o Concello de sacar os seus artigos á rúa, e apuntaba que é unha feira que se consolida cada ano. Apuntaba tamén que nos diferentes postos haberá unha ampla variedade de libros, nos que farán un 10% de desconto.
Por último o Alcalde salientou que a Feira está consolidada despois de catorce anos, e animou ao público a participar xa que é fundamental para poder continuar. E agradeceu ás libreiras a súa colaboración así coma o 10% establecido na venda de libros nesta edición.
XIV FEIRA DO LIBRO
Martes 17 de maio de 2010
Día das Letras Galegas
PROGRAMA:
- Ás 12,00 h.: Inauguración
- Pregón por Teresa Domínguez, directora do CRA que ven de recibir o Premio Nacional de Bibliotecas Escolares
- Recital poético pola Asociación de Amigos da Poesía do Baixo Miño
- Ás 12,30 h.: Actuación do grupo folclórico “San Fins” de Rebordáns
- De 16,30 h a 19,30 h.: Inchables
- Ás 18,00 h.: Actuación do grupo folclórico “Santa Columba” de Ribadelouro
- Ás 19,30 h.: Actuación do espectáculo de circo con Pablo Trasno
Sinatura de autores:
-
17,30 h.: Antonio García Rivas
-
18,00 h.: Marga do Val
-
18,30 h.: Kristina Sabaite
-
19,00 h.: Conchi Regueiro
-
19,30h. : Ernesto Iglesias Almeida
-
20,00 h.: Fernando Álvarez
-
20,30 h.: Suso Vila
Participan:
o
Librarías Iris e Valverde de Tui
o
Librarías Moderna e Santa Teresinha de Valença do Minho
Organiza: Concellería de Cultura – Concello de Tui