Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui rende este xoves recoñecemento ao doutor Alejo Diz Jurado

28/10/2025

O recoñecemento abrangue a todas as persoas fusiladas o 30 de outubro de 1936 en Tui. Forma parte da programación do Mes da Memoria Democrática

Este xoves, 30 de outubro, ás 18.30 h o Concello de Tui, promove un acto de recoñecemento ao doutor Alejo Diz Jurado coa colocación dunha placa na entrada do Centro de Saúde de Tui rememorando a súa dimensión médica, política e humana. 

A continuación depositarase un ramo de flores no monumento aos represaliados, obra do escultor de Silverio Rivas, na Alameda tudense, coincidindo co 89 aniversario dos fusilamentos nos que foron traxicamente pasados polas armas das tropas sublevadas tanto o doutor Alejo Diz Jurado como o compañeiro de profesión Darío Álvarez Limeses, o funcionario José Felipe Muñoz, o empregado Manuel Domínguez León, o industrial Serafín Fernández Costas e o seu fillo Julio Fernández Fernández.

A vontade de recoñecemento a Alejo Diz Jurado xurdiu coa iniciativa, alentada por diversos colectivos sociais tudenses especialmente “Levada Libre”, e asumida pola Corporación Municipal no ano 2017 de denominar ao novo centro de Saúde, localizado na rúa Casal Aboy, co nome de Diz Jurado, que non foi posible pois os Centros de Saúde unicamente teñen unha denominación topográfica para facilitar a súa localización. Retomada recentemente aquela iniciativa agora coa colaboración da Consellería de Sanidade e o Sergas colocarase esta placa en lembranza do médico tudense.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, manifesta que este acto contribúe á recoñecer a achega realizada por Alejo Diz Jurado como médico, lembrado por moitos como médico dos pobres. Tamén como político xa que foi alcalde de Tui entre 1918 e 1922 e logo militante de Izquierda Republicana na II República, e sobre todo como unha persoa implicada na mellora da vida social tudense ao longo da súa vida e tamén na súa tráxica morte en defensa dos sistema democrático e as liberdades. 

O acto deste xoves e a posterior ofrenda floral no monumento aos represaliados no aniversario dun dos fusilamentos daqueles anos de represión que seguen a entrada das tropas golpistas en Tui o 26 xullo de 1936 - ultima localidade galega en ser tomada polas forza sublevadas - expresa a vontade do Concello de Tui de dignificar a memoria das vítimas da represión como unha forma de contribuír á consolidación do sistema democrático no que actualmente vivimos.

Logos deste actos e ao abeiro do programa do “Mes da Memoria” o colectivo Levada Libre organiza no Espazo sociocultural da rúa Camilo J. Cela a proxección do documental “Unha historia galega, retratos da represión na Galicia de 1936”.

Alejo Diz Jurado
Alejo Diz Jurado naceu en Tui o 23 de setembro de 1885. Os seus pais, Gerarda e Ignacio, eran comerciantes. Estudou o bacharelato nos Xesuítas do Colexio de Santiago Apóstolo de Camposancos, A Guarda, e a carreira de Medicina en Santiago de Compostela. Realizou a súa tese de doutoramento, titulada “La Insuficiencia Ureogénica”, na Universidade Central de Madrid, en 1912, sendo dirixida por dous dos farmacéuticos mais prestixiosos da época, Rodríguez Carracido, catedrático de Farmacia, considerado o pioneiro da bioquímica en España e Torres Canal, director do Laboratorio Municipal de Madrid.

Residía no Paseo da Corredoira onde tiña a súa consulta. Foi alcalde de Tui entre o 1 de xaneiro de 1918 e o 1 de abril de 1922, nos últimos anos da Restauración. Previamente xa fora concelleiro entre 1914 e 1918 e tamén posteriormente entre 1922 e 1923. No seu mandato foi creada unha Academia Municipal de Música coa que formar unha banda de música. Foi militante, nos tempos da II República, do partido Izquierda Repúblicana.

En 1925 toma posesión do cargo de médico titular do Concello de Tui, xunto con Darío Álvarez Limeses, e aos dous anos é nomeado inspector municipal de sanidade. Na Asemblea de Representantes da Asociación Nacional de Inspectores Municipales de Sanidad, celebrada en Córdoba, en 1930 foi nomeado representante da provincia de Pontevedra. En 1931 a Dirección General de Seguridad, designouno, para prestar os servizos médicos á policía gobernativa da fronteira.

Un dos feitos más destacados da súa traxectoria foi que como profesional de recoñecido prestixio recibe a encomenda, conxuntamente con Joaquín Ruíz Heras, do Consejo General de Médicos de España de se desprazaren a Dinamarca a estudar os sistemas de aseguramento sanitario que se comezaban a aplicar en Europa, ao regresaren redactaron un informe que foi a base do seguro de enfermidade en España, viaxaron por toda España, explicando as vantaxes e inconvenientes do seguro de enfermidade, sendo eles claramente partidarios da súa implantación. 

Casou Alejo Diz Jurado con Concepción Rodríguez Caballero, que tivo cinco fillos: Ignacio, Emilio, Concepción, Alejo e Avelino.

Foi fundador e director  do xornal satírico tudense, de vida efémera, La Tetera,  editado entre 1913 e 1914, que hoxe sorprendería pola súa mordacidade e ataque aos políticos conservadores, asinaba co pseudónimo, entre outros, de “Criticón B”.
Pola súa militancia política e polo seu prestixio social (era coñecido como médico dos pobres) Alejo Diz Jurado foi detido o 26 de xullo de 1936, logo da entrada das tropas militares que apoiaban o golpe do 18 de xullo, e o 13 de outubro de 1936 foi xulgado nun Consello de Guerra e condenado por adhesión entusiasta e voluntaria á rebelión. Fusilado o 30 de outubro de 1936 na Alameda de Tui, co seu amigo e compañeiro de profesión Darío Álvarez Limeses, o funcionario José Felipe Muñoz, o empregado Manuel Domínguez León, o industrial Serafín Fernández Costas e o seu fillo Julio Fernández Fernández.

Esta ampla traxectoria do doutor Alejo Diz Jurado é apreciada e sentida por moitos veciños que logo de tantos anos seguen valorando a súa achega á vida colectiva tudense ao longo da súa vida e tamén na súa tráxica morte en defensa dos sistema democrático e as liberdades.

Nota: Parte deste datos foron tomados do artigo “Alejo Diz Jurado, médico tudense, impulsor do seguro de enfermidade” de Bugarín González, Rosendo e Bugarín Diz, Carmen en  Cadernos de Atención Primaria 21, ano 2015, pp. 74–76. https://www.agamfec.com/wp/wp-content/uploads/2015/04/Cadernos-21-n1-18.pdf