Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui reclama ás compañías aseguradoras a revisión dos expedientes non resoltos relacionados coa explosión de Paramos

16/08/2018

Solicita que busquen o xeito de resarcir a totalidade dos danos sufridos aos seus asegurados

O Concello de Tui estase a dirixir a distintas compañías aseguradoras co obxectivo de que revisen os expedientes non resoltos dos seus asegurados afectados pola explosión do pasado 23 de maio no barrio da Torre, en Paramos. Ao tempo dende o concello solicítase que busquen o xeito de resarcir a totalidade dos danos sufridos por cada un dos seus asegurados, sen perder de vista a excepcionalidade deste sinistro.

Explican dende o consistorio tudense que o asesor xurídico posto a dispor dos damnificados polo Concello ten atendido a moitos dos afectados, e botan en falla unha comunicación fluída de moitas das compañías cos seus asegurados ou co asesor municipal para acadar unha solución o máis rápida posible e sobre todo satisfactoria para os clientes.  Insístese amais no trato excepcional que requiren os afectados dada a excepcionalidade e a magnitude dos feitos nos que 414 vivendas e máis de 70 vehículos resultaron afectadas.