Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui quere amosar publicamente o seu agradecemento a todos os que se teñen volcado na atención aos afectados

27/05/2018

Persoas anónimas, entidades, institucións, administracións... teñen amosado dende o primeiro minuto a súa solidariedade

O Concello de Tui quere publicamente amosar o seu agradecemento a todas as persoas, colectivos, entidades, institucións, administracións, tanto españolas coma portuguesas, que dende o primeiro minuto tras a catástrofe de Paramos axudaron na atención aos afectados dun ou doutro xeito.

Agradecemento a aqueles que tras a explosión prestaron atención directamente aos afectados. Grazas ás forzas de seguridade e aos servizos de emerxencia, tanto de Galicia coma de Portugal, pola súa rápida intervención e a súa asistencia na zona.   Grazas ás distintas administracións, goberno central, Xunta, Deputación, concellos e cámaras municipais que ofreceron o seu apoio, asistencia, medios humanos e materiais, para actuar na zona.

Ao Centro Cultural de Guillarei que dende o primeiro momento puxo todo o preciso a dispor para acoller aos afectados, e o centro de atención, que non escatimaron esforzos nin recursos para prestar a mellor atención posible.

Grazas aos cidadáns anónimos, asociacións, entidades,... que dende o primeiro momento colaboraron como voluntarios, con roupa, alimentos, enseres... Agradecemento tamén ás empresas e técnicos que brindaron a súa axuda de moi diversas formas, dende actuacións na zona a envío de material, e posta a disposición dos afectados de forma totalmente altruísta.   Dende o Concello sentímonos amais agradecidos e orgullosos dos traballadores municipais que se teñen implicado totalmente para facer fronte a esta situación co seu traballo, atención, e con toda a súa dedicación.

A solidariedade estivo presente dende o minuto un de moi diversas formas. Teñen sido tamén centos as mensaxe a través de moi diversos medios, que teñen chegado ofrecéndose coma voluntarios, aportando material...

Dende o Concello somos conscientes que hai moitas persoas e entidades que desexan continuar aportando o seu gran de area por iso queremos canalizar todos eses ofrecementos a través do correo electrónico afectadostui@concellotui.org ou no teléfono 986 60 39 49.

A todos amosar o noso máis profundo agradecemento por esta inmensa mostra de solidariedade.