O Concello de Tui e a Asociación Un Máis poñen en marcha un programa de respiro familiar
Realízase neste mes de agosto dirixido a nenos e nenas con Trastorno do Espectro Autista
Durante este mes de agosto estase levando a cabo en Tui un innovador programa de respiro familiar dirixido a nenos e nenas con trastorno do espectro autista, TEA. A súa posta en marcha é posible grazas á colaboración do Concello de Tui coa Asociación de pais, nais, familiares, e amigos de persoas con TEA, Un Máis. Forma parte do programa Corresponsables xestionado pola Xunta de Galicia a través do financiamento recibido do Ministerio de Igualdade.
O obxectivo deste programa de respiro familiar é proporcionar un alivio temporal ás familias e persoas coidadoras de nenos e nenas con TEA, ofrecendo actividades adaptadas e supervisadas por profesionais especializados. Estas actividades están deseñadas para promover o desenvolvemento e o benestar dos participantes, ao tempo que brindan un espazo seguro e acolledor.
Así os nenos e nenas con TEA que durante este mes participan nesta iniciativa levan a cabo xogos adaptados, participan en obradoiros sensoriais e viven experiencias de natureza, e actividades ao aire libre, entre outras propostas. Todo isto o realizan da man de profesionais especializados e con experiencia no traballo con persoas con TEA.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, expresou o seu entusiasmo por esta nova iniciativa de conciliación promovida dende o Concello indicando que "estamos comprometidos co benestar de todas as familias do noso municipio”, que se suma aos tres campamentos municipais que están arestora en marcha para facilitar a conciliación durante a época estival. Engade que “este programa de respiro familiar é un paso importante para apoiar ás familias que afrontan os desafíos diarios de coidar a nenos e nenas con TEA”. Quixo amais amosar o seu agradecemento á Un Máis, a Asociación de Persoas con TEA, “pola a súa colaboración e dedicación” dende a súa creación no ano 2010.
A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, amosa a súa satisfacción por poder ampliar a oferta de actividade de conciliación deste verán na cidade con este programa de respiro familiar que se suma aos tres campamentos organizados dende a institución municipal e a amplía oferta de propostas de clubs e asociacións. Destaca a gran acollida que esta actividade tivo entre as familias de nenos e nenas con TEA poder contar con este programa de respiro familiar neste mes de agosto.
Pola súa parte, Montse Mon, presidenta de Un Máis, destacou a súa satisfacción pola realización deste programa indicando que “este tipo de iniciativas son esenciais para mellorar a calidade de vida dos nenos e nenas con TEA e as súas familias. Quixo deixar constancia do agradecemento ao Concello de Tui polo seu apoio e agardando que este programa teña un impacto positivo significativo."
Con esta iniciativa, o Concello de Tui e a Asociación de Persoas con TEA reafirman o seu compromiso coa inclusión e o apoio ás familias do municipio.