O Concello de Tui aprobou as primeiras 108 axudas a establecementos e persoas autónomas que estiveron sen actividade debido á pandemia
Suman 93 mil euros concedidos ao abeiro do plan Reactiva Tui
A Xunta de Goberno local do Concello de Tui aprobou a semana pasada as primeiras 108 axudas a establecementos e persoas autónomas ao abeiro do Programa municipal de axudas extraordinarias de emerxencia, Reactiva Tui. Suman un total de 93.168,45€ con axudas de até 1000 euros por solicitante destinadas a facer fronte aos gastos de aluguer do local comercial, ao investimento preciso para a transición ou optimización do comercio en liña, así coma para a incorporación das medidas de prevención establecidas, ou para acondicionar os locais comerciais á actual situación de pandemia.
Estas primeiras 108 achegas aprobadas pertencen aos establecementos e persoas autónomas que cumprimentaron en tempo e forma toda a documentación requirida para xustificar a solicitude presentada. Este número poderá incrementarse nas próximas semanas xa que hai solicitantes, que figuraban na listaxe A que cumprían os requisitos establecidos nas bases aprobadas en pleno no mes de maio, pero aos que lles faltaba por presentar documentación, que logo de ser requirida deberán presentar no prazo establecido. O Concello comunicará nos próximos días as axudas aprobadas e propostas para pago.
O Concello de Tui destinou ao programa Reactiva Tui 280 mil euros para sufragar os gastos de empresas e persoas autónomas que permaneceron sen actividade durante a Estado de Alarma.
A concelleira de Comercio, Ana Mª Núñez, explica que “o fundamental e chegar a tempo, somos conscientes que non é a salvación de ninguén senón unha humilde axuda que nestes momentos chegará como auga de maio, o importante agora é que a administración autonómica se sume e complemente a aportación”.
A concelleira agradece o traballo desenvolvido polo persoal técnico do Centro Municipal de Formación no asesoramento aos solicitantes para que as solicitudes puideran cumprir con todos os requisitos establecido, realizando un rigoroso traballo de supervisión e control, que deu coma resultado un elevado número de axudas validadas.
Reactiva Tui forma parte do Plan de Reactivación Económica Local posto en marcha polo Concello de Tui para facer fronte as consecuencias económicas derivadas da crise provocada pola COVID-19.