O Arquivo Municipal de Tui promove unha visita as súas instalacións con motivo da Semana Internacional dos Arquivos
Será o xoves 12 de xuño ás 12 h. Cómpre inscrición previa
O Arquivo Municipal de Tui súmase á Semana Internacional de Arquivos 2025 (IAW2025), promovida polo Consello Internacional de Arquivos (ICA) que se celebra do 9 ao 13 de xuño, coa realización dunha visita ás súas instalacións. Esta actividade celebrarase o vindeiro xoves, 12 de xuño, ás 12 h. Para participar é preciso realizar inscrición previa no correo electrónico: arquivo@tui.gal.
Neste ano 2025 o tema desta Semana é #ArchivosAccesibles: Arquivos para tod@s para destacar o papel esencial da accesibilidade na transformación dixital dos arquivos e a súa capacidade para chegar a un público mundial.
A medida que os arquivos evolucionan na era dixital, a capacidade de proporcionar un maior acceso aos contidos arquivísticos vólvese máis crucial que nunca. O tema deste ano celebrará as formas en que os arquivos de todo o mundo están a adoptar as novas tecnoloxías para abrir as súas coleccións, facilitando o acceso á historia, a cultura e o coñecemento para todos. Desde plataformas dixitais e interfaces de usuario melloradas ata técnicas de preservación innovadoras, o obxectivo é garantir que os arquivos estean ao alcance de todos, independentemente da súa localización xeográfica ou limitacións físicas e creando un futuro no que o acceso aos documentos históricos sexa equitativo e universal. No caso do Arquivo Municipal de Tui os seus fondos históricos e os libros de actas do pleno e das xuntas de goberno están accesibles tanto en Galiciana como no portal Atopo da Deputación de Pontevedra
Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, fomentar o coñecemento e o acceso ao contido arquivístico volveuse máis importante que nunca co obxectivo de transformar o acceso ao patrimonio documental, facelo comprensible e dar cabida a todos os cidadáns interesados, nesta liña está a celebración desta visita guiada do vindeiro 12 de xuño.
Datos do Arquivo Municipal de Tui
O Arquivo Municipal de Tui recolle documentos dende 1.597 ata a actualidade. Está composto por máis de 7.000 unidades de instalación cos instrumentos suficientes para o seu manexo e control, especialmente a base de datos do inventario descritivo formado por mais de 37.500 rexistros que detallan a nivel de expediente a maior parte dos fondos.
Dende o 1 de outubro de 2012 no Arquivo Municipal atópase tamén a documentación histórica do Concello de Tui depositada no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra dende o ano 1943. Esta documentación consta de 145 libros, de entre os anos 1597 e 1834, en soporte papel e encadernados en pergameo. Deles, 115 corresponden aos libros de acordos municipais e cartas ordes de 1597 – 1775; 5 libros con documentación varia de 1705-1771; 16 libros de copias das actas da Xunta do Reino de Galicia entre os anos 1608 e 1834 e 3 libros Reais do Catastro do Marqués da Ensenada da cidade de Tui e freguesía de San Xurxo de Saiáns.