Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O alcalde presenta a Axenda Urbana de Tui nun especial radiofónico aberto ao público

7/09/2022

Acompañado do equipo de goberno, dos técnicos do equipo de redacción e de expertos urbanistas adiantará as liñas de acción da estratexia de crecemento  da Axenda Urbana

Para chegar a toda a cidadanía posible o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, presentará a Axenda Urbana de Tui nun especial radiofónico aberto ao público. O encontro será este venres día 9 ás 12 horas na Sala de Exposicións do edificio Francisco Sánchez, antiga Área Panorámica.

As persoas que o desexen poderán asistir a este encontro radiofónico no que o alcalde adiantará as liñas de acción da Axenda Urbana acompañado do equipo de goberno, de Luciano Alfaya,  urbanista e planificador de estratexias, responsable da diagnose; Jesús Irisarri, arquitecto e profesor de proxecto na ETSA de A Coruña; María Ferreirós, arquitecta técnica responsable do ARI de Tui; Sonia Hernández, profesora de Urbanismo na Politécnica de Madrid e redactora do contido da Axenda Urbana Española; Miriam García, profesora de urbanismo en Barcelona, experta en medioambiente e transformacións verdes, coautora da proposta gañadora para o fronte fluvial de Tui, e Antonio Paz, economista e redactor do Plan de Acción de Tui.

As persoas que desexen acudir deberán confirmar asistencia no correo electrónico tui@axendaurbana.gal ou deixar unha mensaxe de whatsapp no número de teléfono 606 810  518.

Neste espazo a través das ondas da Radio Municipal de Tui o alcalde trasladará á cidadanía os tres grandes retos da estratexia de crecemento dos vindeiros dez anos.

A Axenda Urbana de Tui está financiada cos fondos europeos Next Generation e conta cunha páxina web propia da estratexia https://axendaurbanatui.gal/

Polas súas fortalezas a Unión Europea e o goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, decidiron apostar por Tui converténdoo no único concello da provincia de menos de 20.000 habitantes con financiamento para redactar a súa Axenda Urbana.

Tui camiñará cara un desenvolvemento sostible no que  a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario e farao cun documento consensuado financiado cos fondos Next Generation e que planificará os vindeiros dez anos en liña con dez obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS).

Dos 8131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana.

 

* Fotografía do programa da Axenda Urbana na Radio Municipal de Tui o mércores, 7 de setembro.