Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mil escolares gozaron das representacións de +Escénicas en Tui

29/10/2025

Mil escolares de nove centros educativos de Tui gozaron ao longo deste mes de tres representacións do programación + Escénicas da Deputación de Pontevedra co colaboración do Concello de Tui no Teatro Municipal.

Foron tres as obras teatrais que se representaron os martes deste mes de outubro e que permitiron ao alumnado viaxar polas historias de Don Quixote, dunha nena afgá, e dunha libraría máxica.  

Así o martes 21 a compañía Pedras de Cartón presentou “Quixote”.   Alumnado de 3º e 4º de Primaria dos CEIPs Nº1, Nº2, Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis, Randufe, Rebordáns, e do Colexio Maristas, xunto ao seu profesorado, gozou coa representación das escenas máis icónicas da novela de Cervantes reintrepretadas en clave clown mantendo a relación antagónica entre Quixote - Juan Rodríguez - e o seu escudeiro Sancho - a quen deu vida Pablo Sánchez -. Todo coa banda sonora creada por Davide González e con vestiario de Diego Valeiras.

Previamente o martes 14 foi a quenda de Xarope Tulú con "A Teteira de Kabul".  Atenea García e Xosé Manuel Esperante, como actores-manipuladores dos monicreques, levaron a escena a historia de Mina, unha nena afgá que ten que abandonar o seu fogar como consecuencia da guerra. Nicolás Zamorano e Atenea García, autores do texto e directores, inspiráronse na vida da escritora afgá Nadia Ghulam.  Participaron na función 300 alumnos e alumnas e profesorado dos CEIPs Nº1, Nº2, Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis, Randufe, Rebordáns, e do Colexio Maristas.

A primeira cita tivo lugar o martes 7 de outubro, que contou con outros 300 escolares de infantil dos CEIP’s de Pazos de Reis, Rebordáns, nº2, Caldelas, Randufe, Guillarei, nº1, do CRA Mestra Clara Torres e do Colexio Maristas. Coñeceron a historia de “A Libraría Máxica” da man de Inventi Teatro.

 A concelleira de Cultura e Ensino, Sonsoles Vicente, destaca coma dende o Concello apóstase por achegar o teatro e as artes escénicas ao público infantil, tanto nestas funcións para escolares coma a través da programación habitual do Teatro na que os espectáculos para público familiar teñen sempre gran protagonismo. Engade Sonsoles Vicente que “a cultura é unha ferramenta fundamental para educar en valores, fomentar a imaxinación e abrir novas miradas sobre o mundo”.