Mil deportistas participarán este sábado no Descenso Internacional e no Descenso Popular
A proba contará con todas as medidas de seguridade, recupera a saída dende terra, a presenza de público e incorpora a modalidade de Paddle Stand Up
O Descenso Internacional do Miño celebrará este sábado, 21 de agosto, a súa 50 edición. Volverá recuperar a espectacular saída dende terra en Salvaterra, ás 18.30 h, e a chegada fronte as gradas da rúa Olímpicos Tudenses en Tui, con público, tras un recorrido de algo máis de 14 quilómetros en augas do río Miño. Outra das novidades desta edición será a incorporación dunha nova modalidade, o Paddle Stand Up, que saíra quince minutos. Están inscritos 600 padeeiros de 48 clubs.
O Descenso Internacional volverá contar cun protocolo con todas as medidas de seguridade derivadas da pandemia, logo de ser o ano pasado unha das primeiras probas competitivas en celebrarse. En 2020 por seguridade a saída realizouse dende a auga, e non se permitiu público. Na edición deste 2021 o público poderá estar nas gradas da rúa Olímpicos Tudense, cun aforo máximo de 75 persoas, e tamén nos paseos fluviais de Tui e Salvaterra de Miño.
Previamente ás 16 h dende Caldelas sairá a décima edición do Descenso Popular do Miño cun máximo de 400 participantes, e coas prazas xa cubertas. Haberá servizo lanzadeira de autobuses dende Tui até Caldelas, e tamén transporte de mochilas. Este ano os participantes no Popular contarán con licenza federativa dun día para participar na proba.
A presentación destas dúas probas tivo lugar esta mañá na rúa Olímpicos Tudenses a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez; o concelleiro de Deportes de Salvaterra, Edgar Martínez; o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez; o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, e o presidente do Club Kaiak Tudense, Diego Piña.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, recoñeceu que “a organización destas dúas probas é sumamente complexa” engandindo que “sempre foi impecable”. Afirmaba que o Descenso “é unha proba emblemática que transcende o deportivo, que ten unha dimensión social, cultural e de posta en valor deste magnifico río”.
Enrique Cabaleiro aproveito para anunciar o próximo comezo das obras de reforma do Centro Municipal de Piragüismo Quique Míguez, xa que esta semana remata o prazo de presentación de ofertas para a execución do proxecto, que suporá un investimento de 600 mil euros de fondos propios. Explicaba o alcalde de Tui que coa execución deste proxecto, iniciado en 2015, se salda unha débeda histórica non só co Kaiak Tudense, senón tamén co conxunto da práctica do piragüismo. Indicaba amais que esta é a derradeira das instalacións deportivas municipais pendente de remodelar. Sinalaba nese senso que “o compromiso co deporte non é so mediante subvencións ou apoios institucionais. O mellor compromiso institucional que se poda dar a calquera práctica deportiva é que as instalacións nas que os deportistas realizan o seu traballo estean nas mellores condicións”. Aproveitou amais para solicitar sensibilidade á Xunta e a Deputación xa que unha vez rematado o centro terá que ser equipado.
Os concelleiros de Deportes de Tui, Rafael Estévez, e de Salvaterra, Edgar Martínez, coincidiron en agradecer ao Kaiak Tudense a organización destas probas deportivas nun contexto coma o actual .
Pola súa parte o Deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, destacou o valor dos deportes náuticos na provincia, coma quedou demostrado nos Xogos Olímpicos de Toquio con 5 medallas por parte de deportistas da provincia. Dicía que “nun momento difícil coma o que estamos hai que eloxiar traballo dos clubs e federacións para poder levar adiante eventos deportivos”.
Daniel Benavides, o xefe provincial de Deportes da Xunta, salientaba a recuperación nesta edición do Descenso Popular tras a suspensión en 2020. Dicía que “quero poñer en valor esta boa idea, que ten ser un referente para os demais clubs, de facer este descenso popular, porque ten que ser unha forma de axudar a crecer aínda máis o deporte do piragüismo”. Por último indicaba que en “Tui sodes un referente nestes eventos deportivos” e transmitía unha mensaxe de “deporte seguro”
O presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, amosou a súa satisfacción por poder celebrar o Descenso do Miño, co que hai un ano o piragüismo volveu á competición. Neste ano e medio de pandemia “o protocolo funcionou e fomos referente a nivel galego, nacional e mundial” dicía Alfredo Bea afirmando que “ somos o lugar do mundo onde máis padeeiros por habitantes hai” e tamén na Eurorrexión. Coma presidente da Federación Galega de Piragüismo agardou que o “Descenso sexa un éxito, que o vai ser, os deportistas van competir e cumprir o protocolo, e certamente nos serve para seguir reclamando a potencia que é o piragüismo”.
Diego Piña, presidente do Club Kaiak Tudense, indicaba que o Descenso Internacional recupera o seu nivel polo número e calidade dos padeeiros inscritos, xa que aquí competirán boa parte dos deportistas con praza para o Campionato do Mundo de Maratón de Piragüismo. Tivo palabras de agradecemento ao concello por “palear a contracorrente” para levar adiante o proxecto de remodelación do club.
Favoritos no Descenso Internacional do Miño
Os favoritos para facerse coa vitoria desta edición son Julián Becerro e Miguel Castañón en K2, barallándose incluso a posibilidade de que se poida bater o récord do descenso polo alto nivel destes deportistas, que que contarán coa marea baixando o que influirá positivamente na rapidez da regata. No K2 absoluto competirán tamén Manuel Busto e Beatriz Manchón.
En K2 Tania Álvarez e Carmen Villar, do Kaiak Tudense, parten coma favoritas para a vitoria na categoría feminina. Mentres no C2 as embarcacións de Antonio Campos e Diego Romero, e dos locais José Manuel Sánchez e Óscar Graña, ambas clasificadas para o Mundial, prometen unha regata moi reñida.
A nivel individual Iván Alonso e Franco Balboa, ambos tamén con praza para o Mundial, buscarán a victoria no K1, o igual que Amaia Osaba, que á deportists con maior número de victorias no descenso do Miño. Fernando Busto é favorito en C1, e José Luís Bouza e Nicolás Barreiro na nova modalidade de Paddle Stand Up.