Mesa redonda sobre Manuel Lago o próximo luns
Será ás 19 h no novo espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela
O próximo luns, 17 de marzo, ás 19 h, o novo espazo sociocultural da rúa Camilo Jose Cela, acolle unha mesa redonda arredor da figura de Manuel Lago González a cargo de tres destacados especialistas. Esta actividade forma parte do programa organizado polo Concello de Tui para conmemorar o centenario do falecemento deste singular eclesiástico e poeta tudense que tivo lugar na cidade de Santiago de Compostela o 18 de marzo de 1825, cando ocupaba a cátedra arcebispal de Compostela.
Na mesa redonda do luns participarán Avelino Bouzón Gallego, cóengo e director do Arquivo catedralicio e diocesano tudense, que abordará a intensa relación que Lago mantivo sempre coa súa cidade natal e a documentación que conservase nestes arquivos sobre a súa figura. Tamén estará José Manuel García Iglesias, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, que tratará sobre a presenza de Lago en Compostela e moi especialmente na “Biblioteca Lago” da Universidade compostelá. E intervirá ademais Marga do Val, profesora e escritora, que disertará sobre a relación de Manuel Lago co Seminario de Estudios Galegos e o galeguismo.
A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, sinala que esta actividade pretende destacar varios aspectos de singular relevancia na figura e traxectoria de Manuel Lago González que salientou na súa época polo seu compromiso a prol da lingua e a cultura de Galicia.
Finalmente o martes 18 de marzo, na data do centenario do seu falecemento, rematará este ciclo cunha conferencia sobre traxectoria de Manuel Lago González por Marta Cendón Fernández, profesora de Universidade de Santiago de Compostela. Será no Espazo rúa Camilo José Cela ás 19.00 h.