Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá proxéctase o documental “Afranio” dirixido por Víctor Coyote e protagonizado por Luis Tosar

28/05/2026

Será ás 20 h no Espazo Sociocultural dentro das Xornadas Siñor Afranio

“Afranio”, o documental con guión e dirección de Víctor Aparicio e protagonizado por Luis Tosar, proxéctase mañá venres, ás 20 h, no Espazo Sociocultural dentro das Xornadas Siñor Afranio.

Víctor Aparicio, coñecido como Victor Coyote polo grupo musical que encabezou ata a súa disolución en 1992, conta cunha ampla traxectoria multidisciplinar salientando polos seus traballos como debuxante, deseñador e cineasta.  

Antón Alonso Ríos, mestre e escritor, foi un dos políticos máis destacados do galeguismo durante a Segunda República, e no exilio encabezou, xunto a Castelao, o Consello de Galiza. Tralo estoupido da Guerra Civil, conseguiu fuxir do fascismo facéndose pasar por un mendigo portugués chamado ‘Siñor Afranio’.

O documental recrea os dous anos e medio nos que Antón Alonso Ríos tivo que sobrevivir como fuxido facéndose pasar por un esmoleiro alcumado «Siñor Afranio».

A película está baseada no libro que o propio Alonso Ríos escribiu titulado “O Siñor Afranio. Ou como me rispei das gadoupas da morte” que foi editado no ano 1979 pola editorial Castrelos dos irmáns Xosé María, Emilio e Álvaro Álvarez Blázquez. O filme revive as peripecias do político no seu perigoso percorrido por paraxes fronteirizas de Galicia e Portugal polos que Alonso Ríos se viu obrigado a vagar fuxindo dos franquistas.Gravouse nalgúns dos escenarios nos que transcorreu a vida de Afranio. Entre eles, Tomiño, onde exercía de mestre cando se iniciou o conflito, e Portugal, onde adquiriu a personalidade de O siñor Afranio. Tamén recolle o documental unha serie de entrevistas con algunhas persoas que o coñeceron ben.

A concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente Solla, explica que este documental, que mestura a reconstrución histórica coas testemuñas daqueles que coñeceron a Alonso Ríos, segue conservando unha actualidade que nos achega á traxectoria vital de Alonso Ríos e ao coñecemento da represión instaurada tras o inicio da Guerra Civil.

Esta proxección forma parte das xornadas “O siñorAfranio” que promove o Concello de Tui, no seu traballo de recuperación da memoria democrática. O programa das xornadas continuará este domingo, 31 de maio, con dobre proposta.  En catro quendas de 11.30 h a 13.30 h, no Mercado de San Antonio celebrarase o "Túnel do viño. Percorrido do siñor Afranio". E xa o domingo ás 20 h no Espazo Sociocultural as xornadas rematarán co concerto "Cantares dun fuxido" con Víctor Aparicio, Pablo Nóvoa e Pancho Álvarez.