Mañá martes comezan as IV Xornadas Rosendo Salvado
Valentín Carrera disertara sobre : "A viaxe infinita de Rosendo Salvado"
Mañá martes, 25 de febreiro, comezan as xornadas dedicadas á figura do egrexio tudense Rosendo Salvado que, dende hai catro anos organiza o Concello de Tui arredor do 1 de marzo en que se celebra o aniversario do seu nacemento na nosa cidade no ano 1814.
Esta primeira actividade consiste nunha conferencia a cargo de Valentín Carrera, escritor, xornalista, editor, blogueiro, autor de libros de viaxes e de ensaios e director da serie documental sobre Salvado realizada en catro episodios co titulo de “Rosendo Salvado: aventura e misión dun galego en Australia”.
Valentín Carrera ofrecerá o relato da súa experiencia de achegamento, descubrimento e fascinación arredor da figura de Rosendo Salvado realizado coa preparación da serie documental ao tempo que revisará o proceso de produción da mesma, recollendo a súa experiencia de gravación da serie en diversos lugares de Galicia e especialmente na abadía fundada por Salvado no occidente australiano, en Nova Nursia. O titulo da súa intervención é "A viaxe infinita de Rosendo Salvado".
As actividades programadas nesta Xornadas Rosendo Salvado continuarán nos seguintes días con estas citas:
- Mércores 26 de febreiro Espazo rúa Camilo J. Cela
- 19.30 h.: Conferencia de Xoán M. Carreira e Maruxa Baliñas: “Salvado y la Sociedad Filarmónica de Perth”
- Xoves 27 de febreiro - Casa de Galicia de Madrid (Moreto, 6 – Retiro)
- 19.30 h.: Presentación e estrea da serie documental “Rosendo Salvado, aventura e misión dun galego en Australia” dirixida por Valentín Carrera, que contará coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González.
- Sábado 1 de marzo (CCXI aniversario do nacemento de R. Salvado en Tui)
- 11.30 h.: Paseo “Salvadiano” percorrendo os lugares vinculados a Rosendo Salvado. Inicio na Praza de San Fernando.
- 12,30h.: Colocación dunha coroa loureiro na casa natal, rúa homónima.
Para a concelleira de cultura tudense, Sonsoles Vicente Solla, a figura do tudense Frei Rosendo Salvado Rotea (1814-1900) é unhas das personalidades tudenses de maior proxección, interese e actualidade que xustifican abondo a celebración destas xornadas anuais. A súa traxectoria atinxe a numerosos aspectos, dende a súa dimensión como misioneiro nas terras de Australia, a súa faceta como músico, investigador etnográfico ou naturalista, o seu labor de promoción da multiculturalidade ou dos dereitos humanos como defensor da existencia dunha única raza humana... son aspectos sobre os que compre afondar para divulgar a súa obra e traxectoria e contribuír a promoción da súa figura e da nosa cidade.