Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá abre "Exfuitui 2009" dedicada ao quinto centenario das Clarisas

8/10/2009

O GRUPO FILATÉLICO DE TUI ORGANIZA "EXFITUI 2009" DEDICADA AO QUINTO CENTENARIO DAS CLARISAS TUDENSES

 

Xoves, 8 de outubro de 2009. A exposición filatélica "EXFITUI 2009" será inaugurada mañá venres, 9 de outubro, ás 13,00 no edificio Área Panorámica de Tui. Esta mostra, organizada anualmente polo Grupo Filatélico e Numismático Tudense, está dedicada neste ano á conmemoración do quinto centenario do Mosteiro das Monxas Clarisas de Tui, cuxa fundación data de 1508 e establecidas dende aquela na cidade no mosteiro encravado na beira do xenuíno "Camiño portugués" de peregrinación a Santiago.

 

Amais das colección filatélicas os visitantes poderán contemplar diversos e valiosos obxectos procedentes de coleccións privadas: rosarios, escapularios, obxectos litúrxicos, bordados, campañas, esmoleiros, etc. que complementan o contido da exposición.  Como é habitual nestes certames o Grupo Filatélico tudense promove un mataselos especial alusivo ao evento, a utilizar conxuntamente en Tui e Madrid, un sobre conmemorativo, cun texto do cronista oficial de Tui, Ernesto Iglesias Almeida, e un debuxo de María del Pilar Saracho. Igualmente edítase un libro recordo desta exposición con diversas colaboración vinculadas a este evento.

 

En "Exfitui 2009" participan un total de 23 coleccións de diversa temática, aínda que con especial presenza dos motivos relixiosos, procedentes da Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Pontevedra, Vigo, A Guarda, O Rosal e a cidade de Tui e o seu Concello.

 

Está exposición estará aberta do 9 ao 12 de outubro en horario de mañá e tarde ao longo dos catro días.

 

O Grupo Filatélico e Numismático Tudense foi fundado en 1962, sendo na actualidade  a asociación cultural máis veterana da cidade de Tui, animado polo coleccionista tudense, José González García, posuidor dunha das mellores colección de selos de Portugal coa que acadou numerosos premios internacionais. Dende entón este Grupo ten celebrado case medio centenar de exposicións, editando outros tantos mataselos conmemorativos, que teñen levado o nome de Tui  aos máis de 50,000 aboados de Correos que reciben estas marcas postais.

 

O Concello de Tui colabora amplamente con este Grupo Filatélico na realización deste tipo de actividades que contribúen notablemente á dinamización cultural da nosa cidade e á difusión dos seus valores históricos e patrimoniais.

 

Vinculada a estes actos haberá o luns, 12 de outubro, ás 18,00 h. unha Eucaristía solemne, na Igrexa do convento de Clarisas, presidida polo Ministro Xeral da Orde Franciscana, Fr. José Rodríguez Carballo, acompañada por presbíteros e frades e que será a clausura dos actos celebrados ao longo deste último ano co gallo do quinto centenario das "Encerradas" tudenses e o oitavo centenario da Orde franciscana.