Máis de medio centenar de persoas doaron a súa voz en Tui para que as novas tecnoloxías tamén falen e entendan o galego
Máis de medio centenar de persoas contribuíron a pasada semana a que as novas tecnoloxías poidan entender e falar en galego. Foi o pasado xoves na xornada de “captación de voz” promovida polo Proxecto Nós que se desenvolveu na aula CEMIT no edificio Francisco Sánchez. Dende ás dez da mañá e até ás oito da tarde foron ducias de persoas as que se sumaron a esta iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, que neste caso contou coa colaboración do Concello de Tui, para que o galego tamén estea presente nos novos desenvolvementos dixitais.
Entre os primeiros en achegarse a aula CEMIT estiveron o alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade, Sonsoles Vicente, que gravaron os textos facilitados pola organización contribuíndo así coa súa voz a este proxecto. Grazas a ese traballo lograrase que todo tipo de máquinas e dispositivos electrónicos poidan “entender” e “falar” o galego, de xeito que poidamos empregar a nosa lingua en calquera ámbito tecnolóxico como cando lle damos unha orde ao GPS do coche, cando falamos cun asistente de voz como SIRI ou ALEXA, ou cando se xeran subtítulos de contidos audiovisuais de forma automática…
Tui foi un dos 16 concellos seleccionados polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e a Secretaría Xeral da Lingua para a realización desta recollida in situ de voces entre a veciñanza.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosou a súa satisfacción por ser Tui un dos concellos elixidos para desenvolver esta xornada, destacando a colaboración que se logrou por parte da veciñanza tudense.
As persoas que desexen sumarse a este proxecto coa súa voz poden facelo en liña en https://doagalego.nos.gal.