Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Máis de 70 deportistas forman parte xa do Club Atletismo Tui - Thermalia

25/04/2011

Máis de setenta atletas, 30 delas na categorías inferiores, e 40 adultos, forman parte xa do Club Atletismo Tui - Thermalia, refundado escasamente medio ano. É un club que nace do anterior que xa existía en Tui, pasando de ser un club organizador de eventos a un club de atletas. Así o expuña o presidente desta entidade deportiva Rafael Pérez Rego, na presentación do Club que tivo lugar o pasado mércores na casa do Concello. No acto estivo respaldado polo Alcalde, Antonio Fernández Rocha, o concelleiro de cultura, Moisés Rodríguez, así coma polo Presidente da Delegación Viguesa de Atletismo, Eleuterio García, o membro da Federación Galega de Atletismo e adestrador responsable do Centro de Tecnificación de Pontevedra, Ramón Magariños. Tamén acudiu Pablo Freiría, xerente de Thermalia Tui, patrocinador do club, Justi Peixoto, responsable de prensa do Club e Dolores Pedrares, ex atleta e madriña do Club.

 

Rafael Pérez amais destacou na presentación a importancia das instalacións con que contan, que dicía que nun futuro próximo serán un modelo a seguir, ao estar dotadas de pista de atletismo, pavillón e monte, elementos cos que dicía o club poderá medrar.

 

O obxectivo que se plantexan é “formar unha gran familia onde todos os atletas e as súas familias se integren formando parte do mesmo”.  Polo momento membros do Atletismo Tui - Thermalia teñen participado xa en campionatos oficiais zonais, provincias e galegos e en case todas as probas populares de Galicia.  Sinalaba que a participación “é numerosa, entusiasta,... os rapaces van contentos, querer participar, correr, e deixar moi alto o pavillón de Tui. O nome de Tui soa nas competicións, porque a parte da participación os nosos resultados son as veces brillantes”. De feito contan xa nas súas filas cunha Campiona Galega benxamín.

 

Dolores Pedrares manifestou que é unha honra para ela ser a madriña do club. Explicou que hai dous anos que se retirou do atletismo, un deporte que comezou practicando en Tui na sección de atletismo que tiña o Club de Remo pero que logo por falta de condicións apropiadas tivo que marchar fóra de Galicia, polo que pedía ao Alcalde que faga o posible para que os nenos poidan facer atletismo en Tui e teñan as mellores instalacións. Amáis se puxo a disposición do club, tanto ela coma o seu marido que tamén é atleta, para colaborar en todo aquilo que precisen. Sinalaba que o “atletismo é unha maneira de vivir, é un modo de vida” polo que animaba aos nenos e nenas a “facer atletismo con ilusión e cariño”.

 

Pola súa parte Pablo Freiría amosou que é un pracer para el botarlle unha man ao atletismo e o deporte de Tui en xeral. Mentres Euleuterio García lembrou que a traxectoria do atletismo en Tui remóntase moitos anos atrás, salientando que Dolores Pedrares é “unha institución” e indicando que arestora hai tamén unha gran promesa na figura da tamén tudense Leticia Fernández.

 

Por último o Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, expuxo que nos últimos anos o Concello de Tui ten investido máis de 600 mil euros nas instalacións deportivas da Macoca entre a pista, o pavillón, os novos vestiarios, e o novo alumeado que está a piques de rematarse. E engadía que en conxunto no eido deportivo as actuacións realizadas nos últimos anos suman máis de 8 millóns de euros entre o novo pavillón, o centro interfederado, arranxos no vellos pavillóns, pistas polideportivas e campos de herba sintética entre outros. Unha cifra hai que hai que engadir os cartos que se destinan a colaboracións con clubs deportivos.

 

Carreira popular de San Telmo

 

A presentación tamén foi aproveitada para dar a coñecer todos os detalles da Carreira Popular de San Telmo que vai celebrar o domingo 1 de maio baixo a organización do Club Atletismo Tui. Entre as principais novidades está que de novo volverá haber un circuíto urbano, e que as categorías serán as mesmas que as oficiais da federación galega. Desenvolverase entre ás 11h e ás 13h coa saída das distintas categorías que terán que percorrer entre 200 metros e 7 mil metros en función da idade dos participantes. As inscricións para a carreira débense facer ata o 27 de abril por internet na web do club www.atletismotui.es  . O presidente do club comentou a posibilidade de que en próximos anos a carreira se desvincule das festas de San Telmo, para así atraer xente a Tui noutro domingo no que non haxa ningunha actividade.

 

Este ano coincidindo coa entrega de premio da carreira a Comisión de Festas vai brindar un recoñecemento a Kiko Carballo, coa entrega dunha placa, xa que durante os últimos oito anos foi quen organizou a carreira.