Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Máis de 400 deportistas competirán no X Campionato Ibérico de Kung Fu Eurocidade

3/07/2024

Celebrarase este domingo dende ás 10.30 h no pavillón Gustavo Rodríguez con entrada gratuíta

Máis de 400 deportistas de España e Portugal van participar este domingo, no pavillón municipal Gustavo Rodríguez, no X Campionato Ibérico de Kung Fu Eurocidade. Dende ás 10.30 h serán dúas horas dunha espectacular competición deportiva nas modalidades de Kung Fu Tradicional e Moderno, que reunirá a nenos e nenas dende os 8 anos até deportistas veteranos. No evento participarán varios medallistas nacionais e europeos o que reflicte o alto nivel da competición.

O X Campionato Ibérico de Kung Fu da Eurocidade Tui-Valença está organizado polo Club Ximnasia e Auga de Tui, en colaboración coa Eurocidade Tui-Valença e a Federación Galega de Kung Fu. Na presentación do evento realizada esta mañá na casa do concello participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, o vereador de Desporto de Valença, Arlindo Sousa, o presidente da Federación Galega de Kung Fu, Carlos Alonso, o director do comité organizador, Eduardo Jorge Méndez, o director do departamento de Kung Fu Moderno da Federación Galega de Kung Fu, Aarón Blanco, e o deportista Miguel Santos, que ten no seu haber máis de 20 campionatos de España nas distintas modalidades de Kung Fu.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, destacou na súa intervención a consolidación do evento e o alto nivel de aceptación que ten por parte do público. Reafirmou o compromiso da administración no apoio ao deporte e a esta proba deportiva en particular. Ao tempo o rexedor tudense salientou que máis aló da repercusión no ámbito deportivo e social este evento deportivo é, tamén, un elemento de dinamización económica.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, referiuse aos valores que transmite o Kung Fu, destacando que se trata dun campionato plenamente consolidado. Indicou que as artes marciais serán protagonistas na fin de semana na Eurocidade, xa que o sábado se celebra o VIII Open de Judo da Eurocidade. No mesmo senso pronunciouse o vereador de Desporto de Valença, Arlindo Sousa, indicando que esta é unha modalidade deportiva que transmite valores para a vida. Ao tempo referiu que este campionato é unha proba referente.

O presidente da Federación Galega de Kung Fu, Carlos Alonso, destacou que este Campionato Ibérico, é unha proba xa consolidada no calendario da Federación. Indicou que dos 400 deportistas que participarán o 80% son españois e o 20% portugueses. Por outra parte explicou que o Kung Fu é unha proba espectacular tanto dende o punto de vista deportivo coma organizativo cun sistema de competición totalmente inclusivo. Avanzou que o campionato será transmitido en streaming pola canle de YouTube da Federación.

Mentres o director do departamento de Kung Fu Moderno da Federación Galega de Kung Fu, Aarón Blanco, salientou o alto nivel competitivo que haberá con medallista galegos, nacionais e mesmo internacionais.

Eduardo Méndez Sanjurjo, presidente do Comité Organizador,  explicou que o Kung Fu está entre os deportes máis espectaculares. Serán dúas horas de competición, dende as 10.30 h, moi dinámicas xa que se desenvolverán varias probas ao mesmo tempo en categorías infantil e adultos, e en modalidades técnicas e de combate, nas que afirmou que non hai risco de lesións. Tamén quixo destacar o carácter educativo e formativo deste deporte. No 40 anos que o seu club leva realizando Kung Fu máis de 9 mil persoas teñen practicado este deporte, e levan colleitado máis de 600 campionatos de España e 900 de Galicia.

O deportista Miguel Santos, que ten no seu haber máis de 20 campionatos de España nas distintas modalidades de Kung Fu, salientou a importancia de fomentar a práctica do Kung Fu e de crear referentes para futuras xeracións.

O X Campionato Ibérico de Kung Fu celebrarase este domingo, dende ás 10.30 h, no pavillón Gustavo Rodríguez en Tui. A competición realizarase tanto a nivel individual coma por equipos con combinación de movementos libres, defensa persoal simulada, e Tao no caso do Kung Fu Tradicional, e con Man Baleira e Aparatos no Kung Fu Moderno. A entrada será de balde.