Máis de 250 profesionais están acreditados no MUMI que se celebra na Eurocidade Tui-Valença
Esta mañá celebrouse no edificio da Escola Superior de Ciencias Empresariais de Valença o brinde de benvida da 5ª edición do Encontro profesional de Músicas, MUMI 2024, no que participaron José Manuel Carpinteira, presidente da Cámara Municipal de Valença; Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC); e representando á organización do MUMI en Galiza e Portugal, Diana Martins e Manuel Vicente que destacou “o grande interese do sector por estar presente nesta edición do MUMI, na que participarán 250 profesionais que terán a oportunidade de coñecer 12 propostas musicais de Galiza e Portugal e activar as contratacións dos concertos que veremos nos escenarios durante os próximos meses”. Vicente celebrou as alianzas que vai tecendo o mercado con outros encontros e programas profesionais e, en referencia ao serán tradicional co que se abriu onte o encontro, reivindicou que “se a música de raíz está hoxe máis viva que nunca en todas as programacións e ocupa os escenarios con grandes espectáculos é grazas a unha fornada de músicas e músicos que se coceron na calor dos seráns espallados por toda Galicia onde se mantén vivo o espírito de comunidade orixinal, participativo e horizontal que caracteriza as nosas foliadas, e por iso queremos celebrar e recoñecer o papel fundamental dos seráns na difusión do noso patrimonio oral, e na formación da nosa canteira musical”.
As persoas representantes das entidades que apoian ao MUMI asistiron este mediodía ao primeiro showcase da feira no auditorio da Zona PRO, onde puideron coñecer en primicia o novo proxecto de Su Garrido Pombo, Traspielas, esta vez en formato banda xunto a Macarena Montesinos (cello), Iago Ramilo (saxo), Marco Maril (electrónica) e Fran Rodriguez Casal (visuais) nos que celebran a memoria colectiva da aldea de Traspielas en Fornelos de Montes, a través dunha obra musical, poética e visual. O espectáculo, que se estreou oficialmente no MUMI, parte de pezas tradicionais recollidas na aldea de Traspielas, de onde é orixinaria Su Garrido Pombo, entre a súa familia e veciñas, e complétase con proxeccións de imaxes actuais e de videoarquivo, e as achegas de intérpretes de recoñecida traxectoria e de estilos diversos como a electrónica, a experimentación, e a música tradicional que conflúen nesta nova proposta para crear unha obra actual que ten como obxectivo dar nova vida ao repertorio tradicional a través dun formato artístico multidisciplinar e contemporáneo que pon en valor a comunidade e a cultura popular dun territorio. O proxecto foi creado nas Residencias Mariñán 2024 promovidas desde a Deputación da Coruña.
Showcases hoxe venres na Corredoira e no Teatro Municipal
O resto dos showcases da xornada son concertos abertos ao público xeral no Paseo da Corredoira de Tui onde actuarán as bandas galegas Alana e Ruxe Ruxe e a proposta de electrónica portuguesa Surma, e o Teatro Municipal acolle os espectáculos do galego Quico Comesaña e a formación de músicas tradicionais de Portugal Cardo Roxo. Mañá a xornada de showcases traeranos as músicas instrumentais de Rogério Cardoso Pires, o folk de Os D’Abaixo, a mestizaxe de Jhon Douglas, o indie de Miss Universo, a proposta mestiza dos cataláns El Pony Pisador como colaboración coa Fira Mediterrània de Manresa, e as músicas urbanas de Amoebo, como representante da nova fornada de talentos musicais que están a agromar no noso país.
Sonemerxente
Dentro das alianzas tecidas polo MUMI, nesta edición a feira recibirá a visita dun grupo de artistas beneficiarias do programa de aceleración de proxectos musicais Sonemerxente, promovido pola Fundación Paideia e Axencia das Industrias Culturais da Xunta de Galicia. Os proxectos seleccionados para participar na actividade son French Riviera, Eris Mackenzie, Javier Lago, Abril, Candela Liste, Verter GZ, Filloas e Amoebo; que participarán nas actividades do venres e o sábado como parte da súa formación, aprendendo as dinámicas de funcionamento dun mercado musical. Manterán reunións con axencias de management e booking e con programadores públicos (Concellos, teatros) e privados (festivais, salas), e asistirán aos faladoiros e aos showcases.
Xornada do sábado
Despois de analizar hoxe a creación de públicos e os desafíos das salas de concertos, na xornada de mañá o programa de faladoiros centrarase na comunicación de proxectos culturais para contrastar como comunicamos cultura en Galiza e Portugal, compartindo claves, puntos e común e diferenzas en cada territorio, e tamén explorar posibilidades de mellora na difusión de iniciativas e de modelos de cooperación entre axentes de ambas beiras. Participarán Lucía Pita, de The Office Comunicación e Carolina Lapa de Faz Cultura, a empresa municipal de cultura de Braga. Alejandro Nieves moderará a conversa, en representación do Posgrao en Xestión e Innovación Cultural da USC, colaboradora do MUMI nesta actividade e dentro da iniciativa aRede.gal para a conexión intersectorial e transdisciplinar no sector cultural e creativo.
Pola tarde desenvolverase un encontro sobre management, experiencias no acompañamento de carreiras artísticas musicais e posicionamento de artistas emerxentes. Será un debate aberto ao público para comentar estratexias, dificultades e retos das empresas e profesionais que desenvolven tarefas de management na Galiza e Portugal, compartindo situacións, solucións e tendencias nos dous territorios. Participarán Josiño Carballo de Ernie Records, Roc Tebé de Guspira Management, Jorge Dias de Gig Rocks, e João Pereira de Bazzuca. Moderará a palestra a xornalista musical Teresa Cuíñas.
O encontro acollerá mañá sábado ás seis da tarde no Teatro Municipal de Tui unha importante estrea do cinema musical e documental galego desta tempada: Na procura do son perdido. A zanfona, memoria da Transición, producido polo Consello da Cultura Galega e conducido pola escritora e xornalista María Xosé Porteiro. Trátase do primeiro documental realizado arredor deste instrumento, onde se analiza o seu papel simbólico nos movementos renovadores da música galega durante a década dos setenta. O luthier e mestre artesán Antón Corral, Premio honorífico Martín Códax 2016, participará na presentación xunto ao director Ramon Pinheiro de aCentral Folque, e Cristina Domínguez, en representación do Consello da Cultura Galega.